MOCIÓN SOBRE REHABILITACIÓN DO MUÍÑO DE PORTO DO MOLLE

Xavier Rodríguez, responsábel local
Xavier Rodríguez, portavoz municipal do BNG
MOCIÓN SOBRE REHABILITACIÓN DO MUÍÑO DE PORTO DO MOLLE

XAVIER RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, na súa condición de portavoz do GRUPO MUNICIPAL DO BNG, presenta ao Pleno da Corporación, para o seu debate e aprobación, se procede, a seguinte MOCIÓN:

 

REHABILITACIÓN DO MUÍÑO DE PORTO DO MOLLE

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

 

            O muíño de Porto do Molle é un Ben de Interese Cultural (BIC) de titularidade do Consorcio da Zona Franca de Vigo que leva en ruínas máis de trinta anos. É un dos máis grandes da comarca, con 25 metros de lonxitude, estimándose a súa orixe no século XVIII, destacando os tres arcos de medio punto polos que pasaba a auga. A levada que o abastecía, así como a canalización que devolvía a auga ao río Muíños, quedaron xa soterradas coas obras e movementos de terras no parque empresarial.

 

            Dado o seu evidente interese etnográfico e cultural, ademais da ineludible responsabilidade que Zona Franca ten na súa conservación, xa durante o desenvolvemento do parque empresarial, no ano 2013, se elaborou un proxecto para a súa rehabilitación. Proxecto que, pese a transcorrer 6 anos, nunca se levou a cabo, permanecendo neste tempo, e dependendo das épocas, nun total abandono e incluso invadido pola maleza.

 

            O ano pasado produciuse o cambio da persoa que ostenta a delegación do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo. O novo Delegado, Don David Regades, aos poucos meses de ser designado, acudiu en compañía do goberno municipal de Nigrán a visitar o muíño e fotografarse diante del, anunciando o concello, a través dos medios de comunicación, que Nigrán e Zona Franca chegaran a un acordo para a súa rehabilitación.

           

 

 

            Transcorrido máis de medio ano dende ese momento, a realidade é que non se materializou ningunha acción para levala a cabo, e iso pese a que Zona Franca si destinou grandes cantidades de diñeiro, no pasado e na actualidade, a actuacións que ten que ver con inmobles históricos. Valga como exemplo a rehabilitación da Casa do Reloxo en  Baiona, por un importe próximo ao millón de euros, ou a tamén millonaria inversión prevista na compra do edificio do antigo reitorado en Vigo.

Mentres, o Consorcio elude acometer un proxecto de menos de 200.000 euros en Nigrán, para rehabilitar un Ben de Interese Cultural e o seu entorno, que é da súa titularidade e responsabilidade.

 

            Por todo isto, a Corporación Municipal de Nigrán adopta o seguinte:

 

ACORDO

 

  1. Instar ao Consorcio da Zona Franca de Vigo a que proceda a inmediata execución do proxecto de rehabilitación do muíño de Porto do Molle e o seu entorno, Ben de Interese Cultural da súa titularidade e responsabilidade.
  2. Dar traslado do presente acordo, ademais de a institución, ao Presidente do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Don Abel Caballero Álvarez, e ao Delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Don David Regades Fernández.
MOCIÓN SOBRE REHABILITACIÓN DO MUÍÑO DE PORTO DO MOLLE