O Concello de Nigrán retira os termos “minusvalía” e “minusválidos” da súa ordenanza de vehículos

Xavier Rodríguez durante unha intervención no Pleno
Xavier Rodríguez durante unha intervención no Pleno

 

Aproveitando unha modificación técnica da ordenanza, apróbase a iniciativa do BNG de substituílos por “discapacidade” e “persoas con discapacidade”

Xavier Rodríguez lamenta “que non se aproveitase tamén para abordar unha modificación das cotas que incidise aínda máis na progresividade do imposto”

Ademais da substitución dos termos citados, a modificación limítase á eliminación da bonificación para turismos de baixas emisións se estes ten 16 cabalos fiscais ou mais, así como a concesión da exención do imposto as persoas cunha declaración de incapacidade ou gran invalidez

O Concello de Nigrán retira os termos “minusvalía” e “minusválidos” da súa ordenanza de vehículos

Os termos “minusvalía” e “minusválidos” deixarán de figurar na ordenanza reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM) do Concello de Nigrán ao adoptarse a proposta do BNG para que así sexa.

Estas definicións aínda permanecían na ordenanza e agora serán substituídas polas palabras “discapacidade” e “persoas con discapacidade” aproveitando a nova publicación do texto no Boletín Oficial da Provincia como consecuencia dunha modificación operada sobre el.

Os cambios propostos polo goberno municipal limitábanse a equiparación das declaracións de incapacidade coa situación de discapacidade a efectos de quedar exento do pago do imposto, así como a retirada das bonificacións para turismo con etiquetas “0” ou “ECO” se estes ten 16 cabalos fiscais ou mais.

Sobre esta cuestión o portavoz municipal do BNG, Xavier Rodríguez, lamentou que non se aproveitase para realizar unha reforma máis profunda do imposto que acentuase a súa progresividade “reducindo incluso a cuota anual aos vehículos de menos potencia e aumentando o coeficiente a aplicar aos de alta gama”, xa que ao seu xuízo “a potencia dos vehículos é un axeitado indicador indirecto da capacidade económica dos contribuíntes”.

Non houbo obxeccións ao respecto dos cambios propostos polo goberno, así como tampouco á proposta nacionalista de eliminación dos termos citados, polo que a modificación da ordenanza fiscal foi aprobada por unanimidade.

No BNG esperamos que nun futuro se dean as condicións para abordar unha reforma máis ambiciosa do imposto.

O Concello de Nigrán retira os termos “minusvalía” e “minusválidos” da súa ordenanza de vehículos