O informe xurídico sobre o PXOM prega encarecidamente unha reflexión profunda sobre a alteración do modelo de crecemento

Parroquias de Nigrán
Parroquias de Nigrán

Pide que se teñan en conta as consecuencias que implicou a supresión da vía “A Xunqueira-Saiáns”, que cambiou o modelo recollido no documento inicial

Recomenda que, de optar por seguir adiante co modelo de desenvolvemento condicionado proposto polo equipo redactor, se contemplase unha segunda exposición pública, tal e como veu reclamando o BNG

O documento que se leva á aprobación non conta co informe favorábel de Patrimonio

O informe xurídico sobre o PXOM prega encarecidamente unha reflexión profunda sobre a alteración do modelo de crecemento

O informe xurídico sobre o PXOM prega encarecidamente, antes de continuar a súa tramitación administrativa, unha reflexión profunda, que debería anteceder a calquera acto de aprobación, sobre a alteración do modelo de desenvolvemento do PXOM que a supresión da vía “A Xunqueira-Saiáns” implicou, valorando outros escenarios que permitan un crecemento que non estea drasticamente condicionado pola mobilidade.

O modelo de crecemento non se adaptou á nova realidade xurdida logo da supresión deste viario estruturante. Quíxose manter a mesma fórmula con previsión de múltiples ámbitos de solo urbano non consolidado (SUNC) e solo urbanizable (SUB) sen ter en conta que xa non existía viario que soportase todo este crecemento.

Isto provocou que o Goberno Municipal e a Xunta de Galicia pactasen un modelo condicionado, no que os novos desenvolvementos están supeditados á obtención de solucións de mobilidade alternativas que marcan o propio desenvolvemento do plan, que quedaría en realidade condicionado a unha complexísima actuación de execución de infraestruturas viarias que deberá capitanear o Concello.

Tal e como di o propio informe, este modelo non é desde logo o único posíbel. Poderían estudarse outras fórmulas que, partindo dun desenvolvemento máis reducido, supuxesen menores limitacións por razón da mobilidade. Por iso, o xurídico apela ao pleno para “nun exercicio de responsabilidade, repensar se este é realmente o modelo que se desexa para o municipio” (sic).

Como queira que non ten moita confianza en que isto se faga, recomenda, en caso de optar por seguir adiante co modelo de desenvolvemento proposto, a realización dunha segunda exposición pública para actuar coa maior seguridade xurídica. Ven así a avalar o posicionamento expresado polo BNG, que presentou xa no ano 2023 unha moción ao pleno para establecer que así se fixera, sendo rexeitada polo PSOE esta posibilidade.

Finalmente, o informe recomenda remitir o documento á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pois malia que o alcalde indicou en repetidas ocasións que o plan contaba con todos os informes favorábeis isto non é certo, xa que non conta co visto e prace de Patrimonio. Antes ben, pola contra, o que existe é un informe do 2024 onde indican unha serie de deficiencias que o goberno evita contrastar se foron efectivamente emendadas, ao eludir o seu envío ao organismo citado para a súa valoración.

O informe xurídico sobre o PXOM prega encarecidamente unha reflexión profunda sobre a alteración do modelo de crecemento