A Corporación de Nigrán reclama a construción de vivenda pública no concello

Xavier Rodríguez Fernández. Portavoz Municipal e Responsable Local do BNG de Nigrán.
Xavier Rodríguez Fernández. Portavoz Municipal e Responsable Local do BNG de Nigrán.

 

Unha proposta do BNG, aprobada unanimemente, faculta ao alcalde para que en nome da Corporación se dirixa á Consellería de Vivenda co fin de que inclúa ao concello de Nigrán na súa Estratexia para a promoción de vivenda pública

Na actualidade a Estratexia para a promoción de vivenda pública e o impulso da vivenda protexida, da Xunta de Galicia, só recolle actuacións nas cidades e no Concello de Mos

Nigrán é un dos concellos galegos onde maiores son os custes asociados á vivenda, por riba de cidades como Vigo ou Pontevedra

A Corporación de Nigrán reclama a construción de vivenda pública no concello

O acceso á vivenda constitúe xa un dos máis graves problemas do concello de Nigrán. O continuo encarecemento do prezo dos inmóbeis, así como o dos alugueiros, fai que os gastos relativos á vivenda ascendesen xa no ano 2021 a 654,1 euros mensuais, un dos máis altos de Galicia, por riba de cidades como Vigo (628,5) ou Pontevedra (603,9), segundo os datos do Índice de Alquiler de Vivienda, do Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana.

Esta é unha situación que non resolven nin a lei 12/2023, polo dereito á vivenda, aprobada polo Estado e que contempla a posibilidade de declaración de zonas tensionadas, nin a Estratexia para a promoción de vivenda pública e o impulso da vivenda protexida en Galicia, adoptada recentemente pola Xunta.

A lei estatal porque os parámetros que utiliza están claramente enfocados as grandes metrópoles e distorsionan completamente a realidade de outros lugares con menor poboación pero con igual ou maior problema de acceso á vivenda como son as zonas turísticas e costeiras como é Nigrán.

No caso da estratexia da Xunta de Galicia porque utiliza como criterio un instrumento, o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda, que non mide en absoluto as dificultades de acceso á vivenda nun lugar determinado, senón que apenas reflicte a esperanza de que se habiliten vivendas con algún tipo de protección nunha concreta poboación. Espectativa que no caso de Nigrán é nula.

Se os salarios galegos no seu conxunto non teñen grandes diferencias territoriais, o que verdadeiramente marca as dificultades de acceso a unha vivenda son os gastos asociados a ela en termos absolutos, e é aí onde Nigrán se sitúa entre os concellos con maior custe, amosando a dimensión do problema para as clases traballadoras da nosa localidade.

Por iso o Pleno do concello, de xeito unánime, adopta a proposición do BNG, para que o alcalde se dirixa á Consellería de Vivenda co obxectivo de acadar que Nigrán sexa incorporado a súa Estratexia para a promoción de vivenda pública e o impulso da vivenda protexida en Galicia.

A Corporación de Nigrán reclama a construción de vivenda pública no concello