O BNG avoga pola prestación directa do servizo de recollida do lixo en Nigrán
A paralización do concurso tras sucesivos recursos non ven senón a avalar a recuperación do servizo como a mellor opción para a súa xestión
O BNG de Nigrán quere expresar a súa profunda preocupación pola situación caótica na que se atopa o contrato do lixo no Concello de Nigrán. Este proceso, que leva paralizado máis dun ano por unha serie de recursos e decisións xudiciais, que en palabras de Xavier Rodríguez, portavoz nacionalista, “demostra a ineptitude do goberno municipal do PSOE de Nigrán para sacar adiante unha concesión tan importante coma esta e demostra tamén que a privatización dun servizo esencial como este só trae problemas para a veciñanza e para as arcas municipais”.
Para a fronte nacionalista a prestación do servizo de forma externa nunca foi a mellor opción. As empresas concesionarias poñen os seus beneficios por riba da calidade do servizo, mentres que o Concello perde capacidade de decisión e control sobre unha das cuestións máis importantes para o benestar da cidadanía e o coidado do medio ambiente.
Para os nacionalistas. os continuos recursos interpostos polo PP de Nigrán, que busca bloquear de maneira sistemática o avance do proceso, non só paralizan a contratación, senón que prolongan unha situación insostible: un servizo obsoleto, unhas condicións laborais precarias para os traballadores e un custe económico que non se traduce nunha mellora real para os veciños e veciñas de Nigrán.
Xavier Rodríguez, portavoz municipal expresa que: “A experiencia doutros concellos galegos demostra que a prestación directa do servizo de recollida de lixo é a alternativa máis eficiente, xusta e sostible. A xestión directa permitiría entre outras cousas:
1. Reducir custes: Eliminando os intermediarios privados. O concello aforraría os beneficios que actualmente van parar ás empresas concesionarias.
2. Mellorar o servizo: Co control directo poderíase optimizar a recollida, implantar políticas de reciclaxe máis ambiciosas e adaptar o servizo ás necesidades reais da veciñanza.
3. Garantir condicións laborais dignas: Os traballadores pasarían a estar contratados directamente polo concello, asegurando estabilidade e dereitos laborais.”
“Unha cuestión de vontade política”
Para o BNG de Nigrán, a prestación directa tan só é cuestión de vontade política. O actual sistema de adxudicacións só favorece ás grandes empresas concesionarias. Dende o BNG de Nigrán temos claro que a prioridade debe ser a defensa dos intereses do pobo de Nigrán.
Por iso, instamos ao goberno municipal a abandonar este modelo privatizado que leva ao municipio de conflito en conflito, e a iniciar os trámites necesarios para a recuperación da xestión pública do servizo de recollida de residuos. “Só así se poderá garantir un servizo de calidade, transparente e ao servizo da veciñanza” din desde o BNG de Nigrán.