O autismo na sociedade actual

Iago Aballe
Iago Aballe

 

"Non somos xente estraña nin somos invisíbeis, a meirande parte de nós somos conscientes de que temos autismo e intentamos facelo o mellor posible para poder subsistir", Iago Aballe Iglesias, militante de Galiza Nova de Nigrán e persoa con TEA.

O autismo na sociedade actual

A verdade é que pensamos moito que a xente con autismo e da familia dos TEA (Trastornos do Espectro Autista) son estraños, coma se fosen marcianos que non existisen no noso planeta e ben pode ser un veciño ou unha veciña da nosa contorna. E digo isto debido a que a mente humana prexulga moitas veces acerca de nós. E quizais sexamos as persoas máis reais, con mellor corazón e cunha concepción da vida chea de moita lóxica.

Unha das grandes reflexións persoais que fixen foi o sentido do meu 'ser 'autista'. Quizais moitas veces foron cheas de medo ou de xenreira. Con todo, a meirande parte das veces, esta revisión mental foi plácida e feliz. Esa forma de ver a vida creo que me enriqueceu, xa que me deu outra visión das cousas e conseguín comprender a intelixencia do ser humano no seu mellor estado de pensamento. Con esta maneira de ser e de actuar, pensei moito naqueles momentos que foron de esforzo constante e que deron moito froito. Tales para entender a miña situación actual, que non podería ser inmellorábel.

Imos recuperar o titulo deste artigo. Realmente, o autismo está presente na sociedade? Cremos que fixemos ben a política social? Son as persoas con autismo uns extraterrestres que viven no seu mundo imaxinario, que non podemos chegar a entendelas? Paga a pena seguir loitando por isto? Son as grandes cuestións que deixo neste comentario a xuízo de cada un, aínda que vou aportar os meus propios apuntamentos mentais.

O autismo está presente, pero invisible nos aspectos físicos. Nós non sabemos se unha amiga ou amigo ten isto, se non nos fixamos en aspectos concretos, ou incluso, se eles ou elas non o din. É unha situación que pode chegar a ser violenta, xa que non hai unha comunicación fluída sen interferencias de tipo xestual ou verbal e non todo o mundo está na situación de poder confesalo. E, por suposto, fixemos moitos avances en moi pouco tempo. Eu acórdome que hai uns anos, os servizos sanitarios non estaban formados no tema e agora xa hai equipos especializados na meirande parte do país. Avanzouse tamén nas diagnoses, garantindo o camiño cara unha sociedade igualitaria. Isto non significa que non haxa grandes defectos, que aínda perduran no tempo, polo que aínda hai moito que mellorar.

Non somos xente estraña nin somos invisíbeis. A meirande parte de nós somos conscientes de que temos autismo e intentamos facelo o mellor posible para poder subsistir, chegando incluso a consideralo como un amigo/a máis da nosa contorna. Isto non significa que non teñamos as nosas peculiaridades nos gustos estéticos, nas afeccións e nos elementos de comunicación.

Paga a pena visibilizarse para loitar por isto. Fixémolo moitos e moitas e conseguimos un grande avance político-social, coa inestimable axuda das asociacións que desenvolveron unha labor extraordinaria, divulgando o tema, ofertando cursos nos centros de ensino do país ou incluíndo seccións de orientación laboral, cando antes nin se podían formar por carencia de medios humanos e recursos económicos.

Hoxe podemos dicir que a sociedade avanzou, pero debemos de seguir alerta ante calquera cambio e organizármonos todas as persoas con autismo que queiramos. E a onde quero chegar con isto? Organizármonos significa dar un paso adiante, tamén a implicación na política da Galiza, militando nos partidos políticos, falando dende os Parlamentos, discutindo e deixándonos ver entre a sociedade que nos rodea. Debemos de deixar un pouco de lado a nosa zona de confort e camiñar para lexislar medidas favorables para todos os colectivos.

Podemos concluír este artigo dicindo que xa vai sendo hora de que as persoas con autismo ocupemos o espazo que merecemos na sociedade.

 

(Artigo de opinión do noso compañeiro Iago Aballe Iglesias publicado en NósDiario o 10 de xaneiro de 2023. Opinión - Iago Aballe Iglesias Nós Diario - Xornal de intereses galegos (nosdiario.gal))

O autismo na sociedade actual