A selección de persoal no Concello de Nigrán
A principios deste ano o goberno de Nigrán aprobou o procedemento de selección para a contratación do persoal laboral temporal que poida precisar. Para este tipo de contratacións o concello acude á presentación de oferta no Servizo Público de Emprego (SPE), en vez de facer unha convocatoria pública mediante solicitude das persoas interesadas. A diferencia radica en que no primeiro dos casos o concello demanda á oficina de emprego que lle remita un determinado perfil de aspirantes, previamente acoutado coas características que definen na oferta, e restrinxido ás persoas que eventualmente poidan estar inscritas como demandantes de emprego nas categorías e coas denominacións que máis se axusten ao indicado na oferta do concello. Como todos sabemos isto é unha porta aberta á golfada. A oferta non é pública, só a coñece o concello e a oficina de emprego, pero ninguén ten a seguridade de que poida haber persoas que previamente a súa presentación saiban en que categorías ten que anotarse como demandantes de emprego.
Isto non podería pasar se o proceso fose mediante convocatoria pública á que poida concorrer calquera aspirante que cumpra os requisitos esixidos, formulando a correspondente solicitude.
Pero está claro que ao alcalde os principios de igualdade, mérito, capacidade e, sobre todo, publicidade, non lle din moito. Por iso aprobou cunha resolución de alcaldía as bases para un procedemento de selección desigual, restrinxido, arbitrario e, sobre todo, opaco.
Con estes procedementos retrocedemos as épocas da Operación Patos que provocou no seu momento o rexistro das oficinas municipais e a imputación de funcionarios e autoridades locais. Dá a impresión que as maiorías absolutísimas outorgan a algúns dos que as desfrutan unha visión parcial da realidade, seguramente condicionada pola ausencia de crítica, que os some nunha sensación de impunidade e soberbia coa que esquecen calquera compromiso ético. Ás veces, con sorte, acaban empapándose nesa especie de borracheira de éxito ata que caen.
Con todo, realizar a selección do persoal cunha oferta ao SPE en troques dunha convocatoria pública non é o único, e atreveríame a dicir que nin sequera o peor, desta deplorable resolución do alcalde.
Nela establece o concurso-oposición como sistema de acceso, pero permite que a fase de oposición poida consistir… nunha entrevista persoal. Sen dúbida a mellor proba posible para unha valoración aritmética plena de obxectividade. Este tipo de probas, das que non queda rexistro documental algún, deberían de desaparecer de calquera proceso selectivo na administración pública, canto máis se, como en Nigrán, pode chegar a ser a única proba da fase de oposición.
Pola súa banda na fase de concurso, sorprendentemente puntúa diferente unha licenciatura e un grao universitario, algo manifestamente ilegal dende a entrada en vigor do Plan Bolonia, e que só pode explicarse se o que se pretende é favorecer aos candidatos que realizaron os seus estudos nunha época anterior.
Iso si, o requisito de coñecemento da lingua galega para os empregados públicos, tal e como dispón a Lei de emprego público de Galicia, desaparece completamente. Tal é o respecto deste goberno polo noso idioma e o desprezo pola legalidade.
E falando de omisións, hai que sinalar que misteriosamente esqueceron determinar o órgano de selección, o cal debera significar a nulidade desta resolución infame, pois como calquera pode apreciar, un dos elementos obrigatorios das bases de selección é o órgano encargado de realizala. Non é casual que eviten falar de tribunais e apenas haxa unha referencia a unha difusa comisión de valoración que non se sabe quen integraría.
En definitiva, ti dáme 13 concelleiros que xa me encargo eu do demais.