O BNG presenta en Nigrán as súas alternativas fronte á inflación

acto prezos nigran 4

Nunha asemblea aberta, o responsábel local, Xavier Rodríguez, e a deputada autonómica, Alexandra Fernández, expuxeron as medidas que a formación propón para paliar a suba dos prezos

O BNG presenta en Nigrán as súas alternativas fronte á inflación

A deputada nacionalista no Parlamento Galego, Alexandra Fernández, acudiu onte a Nigrán para participar na asemblea aberta que a organización local do BNG convocou para difundir a súa postura ante a escalada inflacionista que padecemos.

 

No Centro da Terceira Idade da Ramallosa, ante militantes e simpatizantes da organización, Alexandra explicou o que supón o incremento disparado dos prezos e como afecta non só as familias senón tamén a sectores produtivos estratéxicos do noso país.

 

Fronte a iso desenvolveu a alternativa do BNG que, lonxe dunha postura conformista, pretende incidir nos prezos que máis soben, como son os enerxéticos, e que trasladan os seus incrementos a todos os demais. O control público de sectores estratéxicos para a economía como é o da enerxía xunto cunha rebaixa selectiva da fiscalidade aplicada a determinados bens e servizos básicos como medida paliativa, antóllanse fundamentais para a formación nacionalista.

No mesmo sentido se enmarca a proposta de elevar as pensións e os salarios máis baixos ata acadar o 60% do soldo medio actual.

 

Especial interese espertou en Nigrán as medidas propostas para o mercado da vivenda tendo en conta os elevados prezos, tanto para compra como para alugueiro, que ten na nosa localidade. Neste punto o BNG defende unha intervención pública que facilite o seu acceso á xente nova e ás rendas máis baixas, habilitando as 2735 vivendas que a SAREB ten en Galiza e promovendo a construción e rehabilitación de vivenda pública.

O BNG presenta en Nigrán as súas alternativas fronte á inflación