O BNG lamenta o incumprimento constante da apertura real da nova biblioteca
A biblioteca municipal de Nigrán, a de verdade, a da fotografía deste artigo, non a que emprega o alcalde Juan González para a súa propaganda propia e de uso partidista, atópase completamente desbordada. Hai que esquivar as mesas cos libros apilados en montes e polo chan (un abrazo para os empregados da biblioteca que non creo que gocen da súa actual situación, entendemos que agobiante e nada cómoda para o traballo). Unha situación lamentable nun Concello con 18.000 habitantes e que ten a sorte de ter uns orzamentos de envexa para moitos concellos galegos.
A biblioteca de Nigrán, a de verdade, é un edificio fermoso e con historia, pero pequeno para a poboación actual de Nigrán. O BNG vén reclamando de lonxe unha nova biblioteca municipal. Por fin, o ano pasado, o Concello inaugurou a nova biblioteca municipal, o cal agradecemos. Porén, hai un pequeno problema, o novo edificio é un continente sen contido, é dicir, inaugurouse un edificio baleiro sin uso real. Boeno, non de todo, esta nova biblioteca, a que todavía non conta con un só libro, nin cadeiras, nin mesas, nin estantes; é empregada polo alcalde, Juan González, para os seus actos de propaganda, persoal e de partido, celebrando actos da Deputación de Pontevedra ou para exposicións, charlas... Todo para que nos medios saia: “na nova biblioteca de Nigrán...”, o cal lembramos que é mentira, foi unha falsa inauguración, posto que non se pode acceder a ela a ler, estudar ou recoller un libro... Non hai ningún! Por certo, van nove meses xa dende que inaugurouse o edificio, da esperemos futura biblioteca, o 16 de xuño de 2021, coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e afirmando que abriría tralo verán... En fin... Referiríase ao verán de 2022?
Logo, sinalouse a apertura para fin de ano, logo para o novo ano... Será que o alcalde espera a inaugurala o máis preto posíbel das elecións sen importarlle nin o máis mínimo ter un espléndido edificio sin que o poida empregar o pobo para o que foi concebido (ler, estudar, tomar libros prestados...), nin as condicións laborais dos empregados da biblioteca, todo polo seu propio beneficio electoralista?
Ademais, lamentamos o uso discrecional da biblioteca, pois temos coñecemento de que a entidades do municipio non se lles permitiu o seu uso para actividadades culturais, mentres que a outras asociacións si que se lles permite. O criterio para o seu desfrute é ser colega de Juan ou non selo, esa é a cuestión!
Dende o BNG entendemos a biblioteca como centro cultural de compensación das desigualdades, un lugar onde todo o mundo, sin importar o seu nivel económico, poida desfrutar dun lugar axeitado para a lectura, o estudo, o acceso á rede e á información. Por iso reclamamos a súa apertura real para o desfrute do pobo xa! Basta de falsas promesas! Cantas veces máis vas a anunciar a súa próxima inauguración, Juan?