O BNG pide a gratuidade das peaxes na AG-57 para mitigar a suba dos prezos
A fronte nacionalista rexistra unha proposición non de lei no Parlamento galego para demandar á Xunta esta medida temporal na autovía que conecta Vigo co Val Miñor, mais salienta a necesidade de estudar o rescate da concesión para equiparala a outra vías autonómicas libres de peaxes.
O Bloque Nacionalista Galego pide a gratuidade das peaxes na autovía AG-57, que conecta Vigo co Val Miñor, como medida para mitigar os graves efectos sociais derivados da suba disparada dos prezos. A fronte nacionalista vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento galego para reclamar á Xunta que actúe de forma temporal, mais salienta a necesidade de estudar o rescate da concesión para rematar co “agravio e forte discriminación” con respecto a outras vías autonómicas libres de peaxes.
“As peaxes na AG-57 provocan efectos negativos na mobilidade para persoas e empresas que teñen que facer desprazamentos cara á área de Vigo por motivos laborais, de estudos ou de acceso a centros de saúde e hospitais. Tamén resulta unha pesada carga e un lastre para a competitividade das empresas, encarecendo o custo do transporte”, denunciou o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Luis Bará.
Unha discriminación que, a xuízo das nacionalistas, se viu agravada no actual contexto de carestía da vida. “As elevadas peaxes, sumadas ao incremento dos combustíbeis, constitúen unha pesada carga que é necesario aliviar”, asegurou Bará. Unha vez que se estabilicen os prezos, o Bloque chama a tomar medidas que avancen cara a gratuidade da autovía. Como paso intermedio, piden descontos de cando menos o 50% para todos os vehículos, porén fixan como obxectivo o rescate concesión que remate co “agravio comparativo” con outras comarcas galegas.
A fronte nacionalista apunta ademais os efectos negativos a nivel ambiental e social derivados do incremento do tráfico nas estradas convencionais, que atravesan en moitos puntos zonas con alta densidade de poboación.