O BNG denuncia o agravamento no verán das deficiencias do servizo de transporte interurbano no Val Miñor

Representantes BNG - Estación Buses Gondomar
Representantes BNG - Estación Buses Gondomar

 

Paulo Ríos, deputado do BNG: “Liñas saturadas sen buses de reforzo, usuarias de pé na viaxe ou ‘plantadas’ nas paradas, ameaza de eliminación de paradas e supresión do circular do Val Miñor no verán, ese é o nefasto balance do plan de transporte da Xunta nesta zona”.

O BNG denuncia o agravamento no verán das deficiencias do servizo de transporte interurbano no Val Miñor

O Bloque Nacionalista Galego denuncia as deficiencias do servizo de transporte interurbano que se vén agravadas no período estival. O deputado do BNG no parlamento galego Paulo Ríos, portavoz parlamentar da mobilidade, xunto con Carmela González, deputada adscrita ao Val Miñor, e os portavoces municipais dos tres concellos do Val Miñor, Iago Pereira (Baiona), Xavier Rodríguez (Nigrán) e Manuela Rodríguez (Gondomar), instan a Xunta e a empresa concesionaria a poñer buses de reforzo e a manter ou mellorar as liñas de comunicación na área de Vigo.

Nos últimos días, usuarios dos servizos da empresa LUGOVE trasladáronlle ao BNG o seu malestar por atoparse con novas deficiencias no servizo desde principios do verán. A maioría das queixas teñen a ver coa saturación en varias das liñas. En concreto a liña Vigo-Gondomar por Nigrán que sae as oito da mañá da estación intermodal, usada por moitas persoas traballadoras na zona de praias. A insuficiencia de prazas obriga a moitas viaxeiras a facer o traxecto de pé, co perigo que supón para a súa seguridade, e outros quedan atrás porque o autobús non para, sen que esta situación repetida no tempo supoña un reforzo con un segundo bus.

“Liñas saturadas sen buses de reforzo, usuarias de pé na viaxe ou ‘plantadas’ nas paradas, ameaza de eliminación de paradas e supresión do circular do Val Miñor no verán, ese é o nefasto balance do plan de transporte da Xunta nesta zona”, denuncia Paulo Ríos. Diante das deficiencias no servizo, o deputado do BNG pregúntase “onde están os reforzos os que se referiu o conselleiro Diego Calvo no Parlamento, cando citou Nigrán entre os reforzos que ían poñer en marcha este verán?”

Pola súa banda, os e a portavoces municipais do Bloque nos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar volven manifestar a súa incomprensión pola supresión do circular ao Val Miñor no verán xa que “sería precisamente nos meses de xullo e agosto, tempo de praia e lecer de vacacións, cando máis demanda tería”. É por iso que demandan o seu mantemento e a ampliación das frecuencias durante todo o ano, xa que “tampouco ten sentido que non teña servizo desde as 14:15h até as 21:15h ou que non circule nas fins de semana”.

Para o BNG de Gondomar e especialmente preocupante o anuncio, a primeiros de xullo, de que LUGOVE ía desviar os autobuses polo chamado Cinto de Vigo (avenida Antonio Palacios) e de aí acceder á Avenida de Madrid para ir directamente á estación intermodal sen pasar polas Travesas.

Isto, que significaría eliminar todas paradas desde Pereiró até Vialia, “minguaría de xeito drástico a mobilidade das persoas usuarias impedíndolles chegar a tempo ao traballo, aos centros de ensino ou a unha consulta médica (POVISA)”, indican. Aínda que a empresa LUGOVE manifestou que ese anuncio fora “un erro”, desde o BNG “estaremos pendentes e, se volveran intentalo, saír a rúa para denuncialo e impedilo”.

Diante das evidentes deficiencias do servizo, os representantes do BNG, reunidos na estación de autobuses de Gondomar, volverán levar ao parlamento galego as queixas dos usuarios e a demanda de melloras e solucións. Así mesmo, manifestaron o compromiso de seguir na súa liña de defensa do transporte público colectivo como elemento vertebrador do territorio, un medio que ademais de ser imprescindible para a mobilidade das persoas, é economicamente máis accesible e ambientalmente máis sostible ao se reducir o uso de vehículos particulares.

O BNG denuncia o agravamento no verán das deficiencias do servizo de transporte interurbano no Val Miñor