MUNICIPAIS 2023
BNG aposta pola rexeneración integral da Foz do Miñor
Néstor Rego: "Hai que rematar con esta situación que afecta gravemente ao ecosistema da ría, a súa biodiversidade e tamén repercute nas potencialidades económicas, destruíndo centos de postos de traballo"
As persoas que encabezan as listas do BNG nas vindeiras eleccións municipais en Gondomar, Manuela Rodríguez, por Nigrán, Xavier Rodríguez, e Iago Pereira, de Baiona, acompañan o deputado nacionalista
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defende a necesidade de rexenerar as Rías Galegas para conseguir a mellora da calidade das auga e a recuperación da totalidade da actividade marisqueira. A frente nacionalista sinala a falta de vontade e compromiso por parte do Goberno do Estado pola ausencia de investimentos e partidas específicas para a rexeneración das rías como é o caso da Foz do Miñor, cunha alta potencialidade no sector mar-industria que, a día de hoxe, está vendo limitada a súa capacidade produtiva. Alén do máis, o deputado nacionalista sinala a importancia de que, a partir do 28M, a zona do Val Miñor conte con gobernos municipais –como Gondomar, Nigrán e Baiona- liderados polo BNG para a posta en marcha dun proxecto transformador que favorezan os intereses da veciñanza.
Alén dos traballos para a limpeza e rexeneración na Ría do Burgo -proxecto conseguido após anos de traballo do sector marisqueiro e do propio BNG, incluído o acordo de investidura- a frente nacionalista reclama maior compromiso por parte do executivo estatal para a rexeneración da totalidade das Rías da Galiza. Segundo indica o deputado do BNG no Congreso, estas actuacións permitirían a recuperación do valor ambiental e económico destes espazos.
“Nos sucesivos proxectos de orzamentos, o executivo estatal non contemplou partidas específicas para a limpeza e rexeneración das Rías galegas, unha mostra da falta de vontade de PSOE e UP para atender as necesidades perentorias do noso País” afirma o deputado do BNG. Así mesmo, Rego lembra que a organización nacionalista rexistrou emendas a todos estes proxectos de orzamentos para que se incorporaran partidas para acometer estas actuacións. Pola contra, os partidos que compoñen o Goberno do Estado “votaron sistematicamente en contra”.
“Estamos a falar de rías e enseadas que, como sucede con esta Foz do Miñor, teñen limitada a súa capacidade produtiva” sinala o deputado nacionalista, que lembra que, ademais das razóns ambientais, algunhas delas poderían ter unha produtividade marisqueira maior. Néstor Rego enfatizou a urxencia de levar a cabo un plan para lograr a rexeneración do conxunto das rías galegas “para mellorar a calidade das augas, recuperar o medio e favorecer a capacidade produtiva, fundamental para o sector marisqueiro”.
Por outra parte, Néstor Rego agarda que, a partir do 28 a zona do Val Miñor conte con gobernos municipais liderados polo BNG con persoas como Manuel Rodríguez, en Gondomar, Xavier Rodríguez en Nigrán e Iago Pereira en Baiona para a posta en marcha dun proxecto transformador que favorezan os intereses da veciñanza. “Os concellos do BNG gozan de reputación e prestixio porque cumprimos o que prometemos e porque desenvolvemos políticas verdadeiramente transformadoras que mudan, en positivo, a vida da xente” destaca.
“Dende o BNG queremos reiterar o noso compromiso co saneamento da Foz e do río Miñor e de sermos decisivos na Mancomunidade do Val Miñor tras as próximas eleccións municipais, faremos realidade a contratación do estudo que anunciaron e non contrataron os alcaldes socialistas do Val” sinala o cabeza de lista do BNG por Nigrán, Xavier Rodríguez.
Así mesmo, Iago Pereira, o candidato do BNG á alcaldía de Baiona apunta que a solución está na elaboración dun plan de protección de medioambiental e da flora e fauna con medidas para a súa conservación, restauración e posta en valor.
Por último, a candidata do BNG nas vindeiras eleccións municipais en Gondomar, Manuela Rodríguez, lembra a pasividade da Xunta de Galiza e o goberno municipal. “As dúas administracións non están facendo o que comprometeron a respecto da depuradora e o BNG comprométese a pór solución a este problema. Temos que rematar coa contaminación do Foz do Miñor” salienta Manuela Rodríguez.