O BNG confía na crecente onda de simpatía para ser “determinantes na próxima corporación de Nigrán”
Critica os vicios da maioría absoluta de Juan González que remataron con case 6 millóns de euros contratados a dedo o ano pasado
O candidato, Xavier Rodríguez, compromete “unha nova exposición pública dun PXOM negociado ás costas da veciñanza entre o goberno municipal e a Xunta”
O Bloque Nacionalista Galego confía na crecente onda de simpatía cara a súa candidatura que está a percibir xa dende a precampaña, para ser “determinantes na próxima corporación de Nigrán”.
Así o manifestaron no acto central da campaña o responsábel local de Galiza Nova, Casto Magallanes, os números 2 e 3 da lista electoral, Cristina Fernández e Jorge Vilas, e o candidato á alcaldía, Xavier Rodríguez, aos que acompañou a deputada no Parlamento galego, Alexandra Fernández.
O candidato sinalou a necesidade desa forza para “rematar cos peores vicios da maioría absoluta de Juan González, quen acabou contratando en 2022 case 6 millóns de euros prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido”.
No mesmo sentido criticou a falla de capacidade do goberno local para levar á aprobación provisional o PXOM, pese a contar cunha situación irrepetíbel, e comprometeu “unha nova exposición pública do plan xeral despois de que se sometera á información pública hai máis de dez anos e sofrera cambios substancias tras a negociación de costas á veciñanza entre o goberno municipal e a Xunta de Galicia”.
O traballo do BNG
Xavier Rodríguez tamén valorou o traballo do BNG ao longo do mandato, cunha presenza e reivindicación permanente durante os catro anos. Así, sinalou o seu papel decisivo para que o goberno municipal saíra da súa inacción habitual e abrira o aparcamento de A Ramallosa ou a nova biblioteca, que ameazaban con seguir pechados ata as eleccións.
Igualmente o candidato asegurou que “reverteremos as políticas suicidas contra o comercio local, tratando de impedir por todos os medios ao noso alcance novos centros comerciais no noso concello”, e situou a rexeneración e coidado ambiental entre as prioridades que defenderán no próximo mandato.