Emerxencia nacional

Artigo de opinión do noso portavoz municipal Xavier Rodríguez no xornal A Nova Peneira.
Tras a publicación dos datos de IGE sobre o galego, un terremoto invadiu as nosas conciencias ante a dramática situación da lingua. Ningunha sorpresa. Nada que non puideramos apreciar no noso entorno, especialmente os que habitamos na área metropolitana de Vigo. Simplemente foi a constatación da realidade que vivimos amosada con toda a crueza da que é capaz a estatística.
Despois do impacto, a mobilización, e despois da mobilización cómpre a reflexión. Cadaquén no seu ámbito. Probablemente toque reconsiderar posicións ata agora inamovíbeis e empezar a garantir que aqueles proxenitores que queren educar aos seus fillos en galego poidan facelo ao cen por cen. Igual nos atopamos que non son tan poucos. Pero iso non toca aquí.
Aquí o que me toca é analizar se tamén dende os concellos se colabora na normalización da lingua ou, pola contra, é outro elemento que axuda a desgaleguización da sociedade. O concello de Nigrán claramente é o segundo, pero tamén hai que dicir que como a maioría dos da nosa área.
Cando fai dos mandatos o BNG resultou decisivo para aprobar os orzamentos, esixiu e conseguiu, entre outras cousas, que se contratase unha técnica de normalización lingüística ao abeiro das convocatorias que realiza a Deputación de Pontevedra, que subvenciona o servizo. Este servizo foi realmente proveitoso para o concello, tanto polos materiais editados como pola colaboración con centros educativos ou a elaboración da primeira ordenanza de normalización lingüística de Nigrán. A pesares disto, a falta de convicción xunguida co desleixo e adornada coa maioría absoluta que llelo permite, fixo que o goberno municipal deixara de acudir ás convocatorias de subvencións e prescindise do servizo.
É evidente que unha técnica de normalización lingüística non vai arranxar a situación pero trátase de se se camiña paseniñamente nunha dirección ou na contraria. Hai moitos aspectos sobre os que incidir e, claramente, a existencia de persoal específico axuda a actuar sobre eles.
Unha das causas que se esgrimiron dende a Xunta para explicar o alarmante descenso de falantes foi culpar a inmigración. Recentemente o concello de Nigrán fixo unha convocatoria dun curso de castelán. Estupendo. Aínda mellor sería que se impartisen as dúas linguas oficiais neste territorio se buscásemos unha verdadeira integración. Non é ningunha novidade, xa o fan varios concellos cos seus cursos de benvida cun notábel éxito. É desexábel e útil para quen vén a traballar con nós que entendan a quen se expresa na nosa lingua.
Isto obriga a tomarse en serio a promoción do galego e non abordalo coma un adorno, tal e como sucede coas actividades subvencionadas polo Concello de Nigrán. A utilización da lingua galega é un dos criterios a valorar nas convocatorias de subvencións de actividades culturais, deportivas e festeiras. Como non existe control ningún, practicamente a totalidade das solicitudes afirman desenvolver na nosa lingua os seus eventos. A realidade é que non é así, pero non lles ten ningún custe.
A mesma situación dáse coa prensa á que está subscrita o concello, tanto para a casa consistorial como para a biblioteca, só con xornais en castelán.
Con todo, a verdadeira promoción do idioma non está só en actos ou medios en galego, que está moi ben que sexan na nosa lingua mais fronte aos que só somos espectadores ou lectores. A verdadeira promoción está en actividades de participación que se desenvolvan en lingua galega e que axuden a expresarse nela a persoas que habitualmente non o fan. Isto é, a utilización do idioma nos cursos e actividades realizadas polo propio concello, non exclusivamente en eventos de promoción da lingua. Pero isto é outro nivel.