Os investimentos reais do Concello de Nigrán caen case a metade que no 2024

O orzamento do 2025 destina pouco máis de 420.000 € a inversións, dun total de 17.371.872 €, lastrado polo incremento das novas licitacións en curso
O BNG critica a ausencia de inspeccións tributarias que fai que o esforzo fiscal recaia só nas persoas que cumpren voluntariamente coas súas obrigas
O portavoz municipal Xavier Rodríguez denuncia tamén que non se inclúa no orzamento os fondos que Nigrán recibirá do Plan +Provincia, da Deputación de Pontevedra, evitando así definir os proxectos en que se investirán
O Pleno do Concello de Nigrán aprobou hoxe os seus orzamentos para o ano 2025. Esta aprobación faise rematado o primeiro trimestre do ano, cando tiñan que terse elevado ao Pleno antes do 15 de outubro do ano pasado, no que é xa un incumprimento habitual deste goberno.
Son unhas contas cun montante global de máis de 17 millóns de euros dos que apenas destina 421.000 a inversións reais. Esta cifra tan baixa é consecuencia fundamentalmente de dous factores: por unha banda o notábel incremento en bens correntes e servizos, de máis de un millón de euros sobre o 2024, produto da necesidade de dotar as novas licitacións que se foron atrasando no tempo como o lixo, o SAF ou o mantemento de parques e xardíns e que ven a coincidir todas elas neste exercicio, lastrando en boa medida a capacidade de investimento; e por outra banda é produto da non inclusión no orzamento dos fondos a percibir da Deputación dentro do Plan +Provincia, evitando así ter que definir nas contas os proxectos aos que irán destinados, unha práctica tamén habitual neste goberno a diferencia de outros concellos onde si forman parte do seu orzamento.
No debate plenario Xavier Rodríguez advertiu da posibilidade de que poidan non cumprirse os ingresos patrimoniais previstos, como consecuencia da xa acostumada práctica deste goberno de atrasar as licitacións públicas, que no caso da cafetaría do Centro da Terceira Idade de A Ramallosa suporá o abandono da concesión por parte do actual adxudicatario e o seu peche. Neste sentido lembrou a necesidade de licitar servizos vencidos como a Limpeza de centros escolares (contrato finalizado fai 3 anos), Mantemento aplicacións informáticas (finalizado fai 2 anos) ou o máis importante de Abastecemento e saneamento de auga que leva anos sendo prestado sen que a empresa concesionaria teña que pasar por unha licitación.
O portavoz do BNG tamén alertou da utilización das subvencións nominativas como a práctica habitual de outorgamento, cando debera ser a excepción e, pola contra, este goberno converte o procedemento que debera ser a norma, a concorrencia competitiva, en excepción.
“Isto provoca que haxa subvencións que teñen que ir a recoñecementos extraxudiciais de créditos para ser cobradas, por ser concedidas sen consignación orzamentaria, como os 26.500 € de subvencións nominativas do ano 2023 para o Centro Juan María ou a Fundación Igualarte” sinalou Xavier Rodríguez.
Finalmente incidiu na necesidade das inspeccións tributarias para que o esforzo fiscal sexa igual para todos, evitando a fraude que crea un agravio comparativo respecto das persoas que cumpren.