O Concello de Nigrán, a iniciativa do BNG, solicita ao goberno do estado a aprobación inmediata dun novo decreto para garantir as bonificacións ao transporte
Dende a semana pasada xa non é posible obter os abonos gratuítos como usuario frecuente de Renfe, moi utilizados polo mocidade do noso concello
A Xunta de Galicia xa anunciou que só manterá ata fin de mes as axudas ao transporte se deixan de aportarse os fondos estatais
Xavier Rodríguez: “As leas entre PP e PSOE xogan con cuestións de enorme importancia para a vida da nosa xente que sofre as consecuencias”
O Pleno do Concello de Nigrán aprobou por unanimidade a proposta do BNG para solicitar ao Goberno do Estado a aprobación urxente dun Real Decreto-Lei individualizado que garanta as axudas, descontos e bonificacións no transporte público se fagan novamente efectivas con carácter inmediato.
Estas axudas son fundamentais para moitos colectivos do noso concello, como os estudantes que as utilizan para desprazarse aos seus centros de ensino. Neste sentido Renfe xa suspendeu a emisión de abonos gratuítos para viaxar como viaxeiro frecuente e a Xunta xa ten anunciado que se non se renovan as axudas do estado, eliminará as subvencións ao transporte o próximo mes.
A non validación do Real Decreto Lei 9/2024 supón un golpe para as persoas traballadoras e para a mocidade que desde o 23 de xaneiro xa non pode dispor destas axudas. En palabras do portavoz municipal, Xavier Rodríguez, “O rexeitamento ao Real Decreto-Lei non pode ser a escusa para abandonar á nosa veciñanza que usa a diario o transporte público e, particularmente, a mocidade do noso concello que o utiliza por razóns de estudos”.