Entrevista ao noso Responsable Local en A Nova Peneira

Os nacionalistas de Nigrán veñen de escoller a un novo responsable en substitución do concelleiro Xavier Rodríguez, que desta maneira pasa a centrar os seus esforzos no traballo municipal.
A persoa que pasa a ser a cabeza visible do bloque de Nigrán é Miguel Soto, un home de 46 anos, natural de Panxón e moi coñecido na localidade por ser o propietario dun local de hostalaría en Patos, O Druída, que xa roza as dúas décadas de vida. Nós fomos coñecelo e conversamos con el.
Miguel Soto, responsable do BNG de Nigrán.
“Afronto a responsabilidade con moita ilusión e cos intención de dar o mellor de min para que o BNG poida crecer”
Queremos coñecerte: De onde es, cantos anos tes e cal é a túa actividade profesional?
Son nativo de Panxón, teño 46 anos e son autónomo do sector da hostalaría. Teño unha tapería en Patos, O Druída, desde xa hai case 18 anos.
Cando comezou a túa militancia política?
Xa de rapaz militei en Galiza Nova, sempre me interesou a política desde moi novo. Logo funme a Lugo a estudar e as miñas inquedanzas sociais se encamiñaron máis polo sindicalismo universitario, de feito formei parte dos CAF. Rematei a carreira de Humanidades e ao pouco tempo xa comecei a traballar no mundo da hostalaría.
Hai uns anos retomei a miña militancia política e afilieime ao BNG.
Por que no BNG?
Por coincidencia co seu corpus ideolóxico. Entendo que o BNG é a organización que mellor defende os intereses deste país e debe de ser a casa común de todos os que nos sentimos galeguistas.
Cando asumiches o cargo de portavoz local?
O pasado mes de Xaneiro.
Cal foi o motivo?
O BNG é unha organización radicalmente democrática que procura renovar os órganos de dirección e que a maior cantidade de militantes posibles dean o paso de asumir responsabilidades. Por outra parte, desta maneira, o noso anterior portavoz e concelleiro actual Xavier Rodríguez, ten maior dispoñibilidade para se centrar no traballo municipal.
Como afrontas a responsabilidade?
Con moita ilusión. Eu creo que teño capacidade para artellar consensos e sensibilidade integradora e procurarei aplicalo no día a día co obxectivo de lograr non só consolidar a nosa posición senón tamén crecer. Estou convencido de que temos un importante potencial de crecemento e o temos que aproveitar.
Como está a saúde do BNG de Nigrán?
Está moi ben, na liña do estado do BNG de todo o país. A afiliación de Nigrán experimentou un notable crecemento, incluso nos anos malos nos que non tivemos representación municipal, e a progresión é claramente ascendente.
Cal é a túa valoración política do actual goberno de Nigrán?
Nós pensamos que se podían facer mellor as cousas. Hai aspectos chave para Nigrán como por exemplo pode ser o PXOM que, tendo as maiorías absolutas que teñen, non entendemos como non o deron sacado de momento.
Cales son os problemas máis importantes que padece Nigrán?
O esencial é o problema de vivenda. Hai moitas vivendas construídas pero están orientadas a darlle servizo ás persoas de fóra que as mercan como segunda residencia e aos turistas. É un problema moi serio para a mocidade de Nigrán que cando quere facer un proxecto de vida do noso pobo, agás que herde unha casa da súa familia, teno practicamente imposible.
Unha anécdota reveladora da dimensión do problema é que cando nas eleccións imos repartir a publicidade porta por porta, atopamos casas que nin sequera teñen caixa do correo.
O problema da vivenda en Nigrán é endémico, cando eu era mozo moitas persoas da miña xeración mercaban casa noutras localidades como Gondomar ou Tomiño porque no noso pobo non era posible. Hoxe, por desgraza estase pondo a cousa tan complicada que acceder á vivenda resulta terriblemente complicado en case todos os sitios.
Como está a situación do transporte en Nigrán?
Igual que en toda Galicia, mal. De feito este é un tema no que o BNG está especialmente sensibilizado e temos desenvolto actos e mocións diversas ao respecto.
Rematamos Miguel: que pode agardar un ou unha simpatizante nacionalista en relación á evolución do BNG en Nigrán?
Como antes comentei estamos en progresión ascendente e creo que se pode dicir de maneira obxectiva que as perspectivas son positivas. Eu, na responsabilidade que me atinxe, vou poñer o mellor de min mesmo para tratar de que a maioría social de Nigrán sinta que o BNG é unha organización útil na procura de solucións aos problemas.