O Concello de Nigrán, a iniciativa do BNG, abordará a limitación das vivendas de uso turístico (VUT) no seu PXOM co fin de mitigar os efectos negativos sobre o mercado da vivenda

O número de vivendas deste tipo inscritas no rexistro da Xunta dobrouse nos últimos tres anos, ao pasar de 195 no 2022 a 393 na actualidade
O Plan Xeral actualmente en elaboración permite a súa implantación en calquera andar das edificacións situadas no agregado litoral sen ningunha limitación ao seu número
Xavier Rodríguez: “Este ritmo frenético de crecemento está detraendo vivenda de alugueiro tradicional para traspasala a alugueiro turístico, co conseguinte incremento de prezos da escasa oferta dispoñible para todo o ano”
O pleno do Concello de Nigrán aprobou hoxe por unanimidade acometer unha regulación das vivendas de uso turístico no seu Plan Xeral que limite os efectos negativos sobre o prezo da vivenda e do alugueiro tradicional, ao reducirse progresivamente os inmobles dispoñibles para todo o ano por estar traspasándose a alugueiro turístico.
Esta iniciativa do BNG busca tamén mitigar o impacto desta actividade económica na convivencia cidadá e na presión sobre os servizos públicos municipais, que sofren unha maior demanda sen que por outra banda este tipo de vivendas contribúan en maior medida que as outras ao seu sostemento.
O ritmo de crecemento das VUT é alarmante, ao incrementarse un 24% no último ano ata situarse en 393 vivendas, o dobre das rexistradas en 2022, e sempre tendo en conta que apenas falamos das inscritas no rexistro da Xunta de Galicia e non das que operan ao marxe del. Isto sitúa a Nigrán con máis inmobles deste tipo que cidades como Lugo ou Ferrol e preto do número coas que conta a cidade de Ourense.
Por iso o BNG insta a aproveitar que o PXOM de Nigrán está aínda en elaboración para que acometa unha regulación na liña da que xa fixeron outros concello galegos como o de Santiago de Compostela, que optou por limitar a implantación destas vivendas ás primeiras plantas habitábeis dos edificios e establecer un tope por zonas á súa proliferación.
O portavoz municipal, Xavier Rodríguez, avoga por “unha verdadeira regulación das mal chamadas vivendas de uso turístico, pois non son unha vivenda, son unha actividade económica e como tal deben ser tratadas. Vivenda é outra cousa.”
Neste sentido o BNG considera que o establecido no Plan Xeral actualmente en elaboración non constitúe unha auténtica regulación para abordar o problema, ao non establecer ningún tipo de limitación as vivendas que se poidan implantar, así como permitir que se instalen en calquera andar das edificacións das zonas costeiras con ordenanza de Residencial Mixto que é a de vivenda colectiva.