Galiza Nova pide avanzar na inclusión das persoas con síndrome de Asperger
A organización xuvenil do BNG organiza unha charla informativa na Ramallosa polo Día Internacional da Síndrome de Asperger.
NIGRÁN, 19 de febreiro 2022.- Galiza Nova pide avanzar na inclusión real das persoas con síndrome de Asperger. A organización xuvenil do BNG organizou este venres unha charla informativa na Asociación Veciñal A Unión de San Pedro-Ramallosa, polo Día Internacional da Síndrome, na que se reflexionou entre outras cuestións sobre a necesidade de mellorar na inserción laboral, no asesoramento e na sensibilización, así como denunciar o retroceso en moitos dos logros acadados nas últimas décadas polo forte impacto dos recortes na sanidade e no ensino públicos.
O acto contou coa participación da educadora social e responsábel do gabinete especializado Litus da Cañiza, Alba Gómez, que salientou a empatía como imprescindíbel para dar pasos na inclusión e desterrar mitos e prexuízos instalados sobre a síndrome. Gómez detallou algúns dos terreos nos que traballan para avanzar nese camiño, como o acceso ao mercado laboral, a educación afectivo-sexual, a socialización ou a sensibilización.
Falou tamén Iago Aballe, militante de Galiza Nova en Nigrán, organizador da charla e diagnosticado coa síndrome de Asperger. Aballe contou a súa experiencia vital a partir do seu diagnóstico, lembrando como naquela altura apenas existían recursos públicos e había importantes atrancos para o recoñecemento da condición de discapacidade. Aliás, o militante da organización xuvenil do BNG explicou aspectos positivos da súa vivencia entre os que destacou o papel da escola.
Na charla abordáronse cuestións como o desleixo das administracións galega e estatal, que se traduciu nos últimos anos nun retroceso nos logros conseguidos durante décadas. En especial polos recortes na sanidade e no ensino públicos, que supuxeron lista de agarda máis longas e falla de atención presencial e personalizada, cun grande impacto durante os meses de confinamento a causa da pandemia da Covid-19.
Malia os avances na visibilización, as e os participantes subliñaron como a masculinización dos estudos clínicos ten dificultado o diagnóstico nas mulleres, o que afonda en estereotipos que impiden avanzar cara unha inclusión real de todas as persoas con síndrome de Asperger.