O BNG de Nigrán reclama un proxecto de seguridade viaria para a rúa Bouzavella

Rúa Bouzavella
Rúa Bouzavella

 

Presenta unha moción buscando un acordo plenario que inste ao goberno municipal á súa elaboración.

Esixe unha regulación do tráfico que permita delimitar un espazo para o tránsito dos peóns.

Recolle así a demanda veciñal que encheu a rúa de carteis pedíndolle ao alcalde unha solución.

O BNG de Nigrán reclama un proxecto de seguridade viaria para a rúa Bouzavella

O BNG de Nigrán rexistrou unha moción para o seu debate plenario coa que pretende acadar un acordo que inste ao goberno municipal á redacción dun proxecto de seguridade viaria para a rúa Bouzavella, en Panxón, que, a través dunha regulación do tráfico, permita a delimitación dun espazo para o tránsito peonil ao longo da vía.

Esta delimitación podería vir dada co establecemento dun único sentido de circulación, xa que ao tratarse dun camiño estreito con vivendas nas dúas marxes resulta inviábel o seu ancheamento.

A rúa Bouzavella sofre un intenso volume de tráfico, especialmente no verán, ao ser unha vía que comunica a Estrada pola Vía coa zona costeira de Patos e A Madorra, así como Monteferro, sen ter as mínimas condicións para soportalo, xa que se trata dun camiño estreito que non permite nin o cruzamento de dous vehículos en gran parte del. Isto supón problemas de circulación pero aínda máis para o tránsito peonil, para o que non existe ningún espazo delimitado.

A veciñanza ven aturando os problemas derivados desta situación dende fai moito tempo, con vehículos que frecuentemente circulan a velocidades superiores á permitida na vía, así como facendo uso de sinais acústicas para advertir do seu paso e, sobre todo, a imposibilidade de camiñar con seguridade pola rúa. Por iso reclamaron ao concello, con pouco éxito polo de agora, unha solución.

A falla dunha reposta satisfactoria levounos a reclamar publicamente, coa colocación de carteis ao longo de todo o camiño, que se atenda a súa demanda.

Por esta razón o BNG quere un acordo plenario que inste ao goberno municipal á elaboración do demandado proxecto.

O BNG de Nigrán reclama un proxecto de seguridade viaria para a rúa Bouzavella