O goberno municipal de Nigrán reparte 237.500 euros en subvencións a dedo
Pola contra, na mesma sesión plenaria aprobáronse só 90.000 euros a conceder a través dunha convocatoria pública
Ata 18 subvencións nominativas aprobou o PSOE fronte a tan só dúas convocatorias por concorrencia competitiva para os cemiterios privados e as comunidades de augas
O goberno socialista pasou de outorgar 4 ou 5 subvencións nominativas cando estaba en minoría ás 18 axudas directas actuais
O Bloque Nacionalista Galego votou en contra da modificación do Plan estratéxico de subvencións do Concello de Nigrán por consagrar o reparto a dedo da gran maioría das axudas outorgadas. Así, fronte a tan só dúas convocatorias públicas de subvencións por un importe total de 90.000 euros, destinadas a sufragar obras en cemiterios de titularidade privada e en captacións de comunidades de augas, ata 18 entidades reciben directamente as axudas que, discrecionalmente, decidiu o goberno municipal.
No BNG sentímonos particularmente orgullosos da convocatoria para mellorar as captacións das comunidades de usuarios de augas, que son unha realidade grazas a esixencia do BNG, cando Juan González non tiña maioría absoluta, para que se introducise unha nova liña no Plan de subvencións que lle dese cobertura. Estas, xunto coas destinadas aos cemiterios, foron as únicas para as que se aprobou a súa concesión baixo a modalidade de concorrencia competitiva, mentres as outras 18 o son por concesión directa.
A concesión directa debe ser unha excepción e non a norma no reparto de subvencións. Está xustificada apenas nuns poucos casos nos que só hai unha entidade que realmente poida realizar a actividade que se considera de interese, como pode ser a educación ambiental e a axuda as labores de coordinación dos varamentos de mamíferos mariños, ou programas concretos levados a cabo por unha única entidade como o de “Vacacións en paz”, pola contra nada xustifica que as axudas as actividades de asociacións asistenciais ou a gastos de desprazamentos de clubs deportivos non poida facerse mediante a correspondente convocatoria pública igual que os cemiterios ou comunidades de augas.
A única xustificación posible é eludir os procedementos con valoracións obxectivas para distribuír graciosamente os fondos entre os administrados vendendo os favores. No BNG queremos deixar claro que non estamos en contra da inmensa maioría das actividades subvencionadas, si de que se faga un reparto arbitrario das cantidades a percibir por cada un.