A Comisión de Asuntos Xerais do Concello de Nigrán ditamina favorablemente a proposición do BNG para a rexeneración ambiental do extremo sur do Areal de Lourido

Aparcadoiro de Lourido
Aparcadoiro de Lourido

 

A proposta insta ao goberno municipal á contratación dun proxecto que restaure a zona comprendida entre o paseo peonil e a praia

Esta actuación implica a reintegración na duna do espazo actualmente utilizado como aparcadoiro

Pretende tamén evitar así a imaxe habitual no verán de vehículos invadindo a calzada peonil e mesmo circulando por ela

A Comisión de Asuntos Xerais do Concello de Nigrán ditamina favorablemente a proposición do BNG para a rexeneración ambiental do extremo sur do Areal de Lourido

O extremo sur do Areal de Lourido, o máis próximo ao monte do mesmo nome do que posiblemente a praia tomou a súa denominación, será recuperado se o pleno do vindeiro martes aproba a moción do BNG que xa foi ditaminada favorablemente na Comisión Informativa de Asuntos Xerais co único voto favorable da formación nacionalista pero sen oposición do resto dos membros.

Trátase de actuar sobre o tramo comprendido entre a coñecida como Fonte Seca e o final do paseo, único espazo de todo o areal onde os vehículos estacionan por dentro da propia calzada peonil, literalmente enriba da duna.

Isto non só constitúe unha agresión ambiental e paisaxística, senón que ademais provoca situacións esperpénticas no verán, con automóbiles invadindo o paseo e mesmo circulando por el.

Todo o ecosistema dunar de Praia América-Panxón foi extraordinariamente maltratado no tempo, aproveitando a escasa mentalidade de protección da natureza existente no seu momento. A agresión ambiental tratou de ser corrixida parcialmente co tempo, ao ser obxecto de actuacións concretas de rexeneración do espazo, certamente xeitosas, que paliaron, cando menos nunha pequena parte, os desastres cometidos. O obxectivo é continuar esta liña e reintegrar na duna o espazo situado entre o paseo e a praia.

A realización deste proxecto implica a eliminación das prazas de estacionamento existentes actualmente nese espazo, polo que a proposición referida insta igualmente ao goberno a avanzar na busca de alternativas de aparcamento que non ten porque estar necesariamente en primeira liña de praia.

A Comisión de Asuntos Xerais do Concello de Nigrán ditamina favorablemente a proposición do BNG para a rexeneración ambiental do extremo sur do Areal de Lourido