Nigrán aproba unha nova contratación do servizo de recollida de residuos que non prevé as obrigas legais en materia de recollida separada das fraccións
O pleno acordou abrir a licitación dun servizo que se está prestando en precario tras concluír fai case tres anos a prórroga obrigatoria do contrato actual
Os pregos para a licitación foron aprobados cos únicos votos favorables do PSOE
O BNG lamenta que nin sequera se avaliase a opción da xestión directa do servizo
Despois de que o contrato da actual adxudicataria rematase fai anos e prestándose os últimos tres en precario logo de que se cumprise ata a súa prórroga obrigatoria, o pleno de Nigrán aprobou abrir unha nova adxudicación do servizo e os pregos polos que haberá de rexerse.
O BNG expresou a súa incredulidade ante a demora inexplicable da nova contratación, que ten causado graves prexuízos aos traballadores da empresa adxudicataria, que viron paralizada a aplicación do seu convenio, e tamén á veciñanza en xeral pola falla de inversións e adecuación da recollida de residuos e limpeza de vías e praias ás necesidades actuais.
Neste sentido sempre manifestamos a nosa disposición a solucionar canto antes o problema, pero non a costa de realizar un concurso que non contemple as mínimas obrigas que a lexislación impón en materia de recollida separada dos residuos.
Así a nova contratación só establece a recollida separada da fracción orgánica para os produtores non domésticos, pero non para o conxunto da poboación, cando é esixible dende o ano 2022. Incluso nos pregos aprobados se retira a posibilidade de estendela aos produtores domésticos se así o considera oportuno o concello, circunstancia que si contemplaba a redacción inicial e foi eliminada.
Tampouco establece a recollida separada dos residuos téxtiles, aceites de cociña usados, residuos domésticos perigosos e os voluminosos, que será obrigatoria dende finais de este mesmo ano. É inconcibible que uns pregos para un contrato de 10 anos non recollan as obrigas xa establecidas e coñecidas no presente. A súa futura inclusión esixirá unha nova contratación ou modificación do contrato, co correspondente incremento do prezo a pagar polo concello. Inexplicable, salvo que sexa isto último precisamente o que se pretende.
Estas importantes eivas, así como o feito de que o goberno municipal non analizase cando menos a posibilidade da opción da prestación directa do servizo, como ten o veciño concello de Baiona, por exemplo, motivaron que o BNG non avalase a apertura desta licitación pese a indubidable necesidade, tamén reiterada por nós, dunha nova contratación.