O BNG comprométese a defender no Parlamento galego as necesidades da veciñanza do Val Miñor

Reunión da deputada Carmela González Iglesias cos equipos do BNG no Val Miñor
Reunión da deputada Carmela González Iglesias cos equipos do BNG no Val Miñor

 

A deputada do Bloque Carmela González presenta, xunto cos portavoces nacionalistas en Nigrán, Gondomar e Baiona, as principais liñas de traballo na Xunta centradas no acceso á vivenda e na mellora dos servizos públicos

Carmela González:
“O BNG intensificaremos as nosas iniciativas para poñer fin á desatención e á falla de proxectos no Val Miñor por parte dos Gobernos do PP”

O BNG comprométese a defender no Parlamento galego as necesidades da veciñanza do Val Miñor

O Bloque Nacionalista Galego comprométese a defender no Parlamento galego as necesidades da veciñanza do Val Miñor. A deputada Carmela González vén de presentar, xunto con cargos orgánicos do BNG e cos portavoces nacionalistas Xavier Rodríguez (Nigrán), Manuela Rodríguez (Gondomar) e Iago Pereira (Baiona), as principais liñas de traballo da fronte nacionalista para a vindeira lexislatura na Xunta de Galiza.

“O BNG intensificaremos as nosas iniciativas para poñer fin á desatención e á falla de proxectos no Val Miñor por parte dos sucesivos Gobernos galegos do PP”, salientou a deputada do Bloque, quen lamentou que durante os últimos anos os populares rexeitaran todas as emendas nacionalistas para aumentar os investimentos nos tres concellos.

Nese sentido, González avanzou as primeiras iniciativas que trasladará o BNG no Parlamento galego, destacando as relacionadas co acceso á vivenda, con especial incidencia nos concellos de Nigrán e Baiona, e na necesidade de mellorar os servizos públicos da Xunta nos tres concellos do Val Miñor.

No caso de Nigrán, a deputada nacionalista subliñou tamén a necesidade de ampliar as prazas de educación infantil de 0 a 3 anos. Con respecto a Gondomar, fixou como prioridades a dotación dun comedor para o CRA Antía Cal e a demanda de financiamento da Xunta para o saneamento integral do concello. E no caso de Baiona, a urxencia de modernizar a obsoleta ETAP da Baíña para un tratamento adecuado das augas.

Medidas para os tres concellos

Entre as principais demandas que afectan aos tres concellos, dende o BNG reiteraron o seu compromiso de rematar coa “discriminación” que supoñen as peaxes da AG-57. Así, a fronte nacionalista insisten na necesidade de rescatar a concesión desta autovía de titularidade autonómica, que conecta o Val Miñor co norte de Portugal, para convertela nunha alternativa gratuíta fronte ao elevado tráfico das actuais estradas e para mellorar a conexión cos parques empresariais da Pasaxe-Vincios, en Gondomar, e do Porto do Molle, en Nigrán.

No relativo a servizos públicos, González avanzou iniciativas para resolver a falla de prazas públicas coa demanda dunha nova residencia de maiores, para ampliar o número de profesionais do servizo de saúde mental no centro de especialidades do Val Miñor, para a creación dun Punto de Encontro Familiar que atenda ás tres localidades evitando que as persoas usuarias teñan que desprazarse a Vigo, así como máis liñas e frecuencias directas para desprazarse ao Hospital Álvaro Cunqueiro e á Universidade.

Dende a fronte nacionalista comprometéronse tamén a seguir defendendo a rexeneración da Foz do Miñor, afectada dende hai demasiados anos pola contaminación e que supuxo a perda do banco marisqueiro da zona. Tamén en materia ambiental, trasladarán a necesidade dun plan de reforestación dos montes con especies autóctonas e accións de prevención contra os lumes, en colaboración cos concellos e as Comunidades de Montes en Man Común.

O BNG comprométese a defender no Parlamento galego as necesidades da veciñanza do Val Miñor