O PSOE incrementa un 20% o Imposto de Bens Inmobles de Nigrán

Sesión plenaria do Concello de Nigrán.
Sesión plenaria do Concello de Nigrán.

 

O tipo aplicable aos bens inmobles urbanos pasa do 0,50 ao 0,60.

A proposta aprobouse nun pleno extraordinario e urxente convocado con menos de dous días hábiles de antelación e sen pasar previamente pola correspondente Comisión Informativa de Contas.

O goberno municipal adopta esta suba nun concello que acumula remanentes positivos de tesouraría ano tras ano.

O PSOE incrementa un 20% o Imposto de Bens Inmobles de Nigrán

O tipo de gravame do IBI en Nigrán pasará do 0,50 a 0,60, incrementándose un 20% dunha tacada, tras ser aprobada a proposta presentada polo goberno municipal nun pleno extraordinario e urxente co único voto favorable do PSOE.

Esta medida adóptase tras unha tramitación ás agochadas, cun pleno convocado con menos de dous días hábiles de antelación e eludindo ditaminar previamente a modificación na correspondente Comisión de Contas.

A suba tradúcese nun aumento medio de 62 euros por recibo segundo sinala o propio estudo técnico que lle serve de base. Estudo que se lle ocultou á oposición evitando incluílo no expediente sometido ao pleno.

Con esta modificación tamén se elimina a bonificación do 95% da cota íntegra do imposto a favor dos inmobles nos que se desenvolven actividades económicas declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias culturais, que era a que o goberno municipal lle estaba aplicando aos centros culturais para eximilos da case totalidade do pago.

O goberno municipal pretende xustificar este incremento na necesidade de ingresos para atender o gasto existente, en boa medida en competencias impropias insuficientemente financiadas pola Xunta de Galicia e decide trasladar ese déficit directamente a veciñanza en troques de promover unha reacción do municipalismo nas entidades pertinentes contra a abandono do goberno galego, tal e como lle reclamou o BNG.

Por outra banda hai que sinalar que este incremento ten lugar nun concello que acumula remanentes positivos de tesouraría ano tras ano e que pechou 2022 con case 10 millóns de euros de fondos líquidos, o que fai moi difícil de explicar que se acuda ao peto da cidadanía para financiar en moitas ocasións subvencións directas ou gastos improcedentes que responden a contratacións arbitrarias carentes de crédito. Antes diso deberan axustarse á realidade as previsións de ingresos que xeran continuos resultados positivos.

O PSOE incrementa un 20% o Imposto de Bens Inmobles de Nigrán