O pleno de Nigrán aproba constituír o Consello Municipal da Muller

 

O acordo impulsado polo BNG co gallo do 25 N adoptouse por unanimidade

Nace como elemento de participación comunitaria e instrumento dinamizador do asociacionismo e da actividade das mulleres en Nigrán

Igualmente o pleno acordou instar á Xunta de Galiza a incrementar os recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero e a ampliación e extensión dos Centros de Información á Muller (CIM)

O pleno de Nigrán aproba constituír o Consello Municipal da Muller

Mediante unha moción presentada polo BNG, que contou co voto favorable de toda a corporación, o Concello de Nigrán acordou constituír o Consello Municipal da Muller, que aínda non existía nesta localidade.

O BNG da así cumprimento a unha das súas propostas electorais como era a de crear o ente como elemento de participación comunitaria para o seguimento das políticas municipais e como instrumento dinamizador do asociacionismo e da actividade das mulleres de Nigrán.

Para levalo a cabo, e tal e como se recolle na proposta, a Concellaría de igualdade deberá elaborar unha proposta de regulamento para o seu debate na comisión informativa correspondente previo a súa aprobación plenaria. Este regulamento ordenará a forma na que participarán as diferentes asociacións e os grupos políticos municipais.

Corrixirase así unha eiva existente en Nigrán que, a diferencia dun gran número de concellos da contorna, incluso de menor poboación, non conta con este instrumento de participación e dinamización no eido da muller.

Ao mesmo tempo, e coincidindo coa recente reivindicación do día 25 de novembro, o BNG tamén conseguiu que o pleno municipal demande á Xunta de Galiza compromisos institucionais e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista, centrados en dous aspectos fundamentais. En primeiro lugar un incremento dos recursos económicos destinados a este fin nos vindeiros orzamentos de 2024, particularmente en aspectos como a atención psicolóxica na atención primaria ou a actualización das contías das prestacións. En segundo lugar para a ampliación e extensión dos CIM co incremento da achega económica para eles e a ampliación do persoal mínimo para acreditalos coa incorporación de persoal técnico en igualdade e persoal administrativo.

O pleno de Nigrán aproba constituír o Consello Municipal da Muller