O BNG posiciónase en contra da aprobación do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Nigrán se non contempla un período de exposición pública
Oponse á proposta do Partido Popular, apoiada polo PSOE, de levar a Pleno o PXOM “con la mayor celeridad que permitan los plazos legalmente establecidos”
Isto supón, na práctica, eludir o trámite de información pública que o goberno considera cumprido coa que se fixo hai 11 anos
Os nacionalistas consideran ridículo convocar un pleno extraordinario para aprobar unha proposta que non é máis que un rogo ao equipo de goberno
PP e PSOE coincidiron en instar ao goberno municipal a elevar ao Pleno Municipal “con la mayor celeridad que permitan los plazos” o novo PXOM, uníndose así na intención de aprobar o Plan tan pronto como sexa posíbel, aínda a costa de eludir o trámite de exposición pública co pretexto de que xa se fixo un en 2013, nun documento que sofreu numerosos cambios que o mesmo Partido Popular recoñece como substanciais e que, de ter esta consideración, suporía a esixencia legal dun novo período de información pública.
A proposta acordada, “Traer al Pleno Municipal, con la mayor celeridad que permitan los plazos legalmente establecidos, el nuevo Plan Xeral de Ordenación Urbanística para someterlo a votación.”, é máis propia dun rogo plenario que da convocatoria, a instancias do PP, dun Pleno extraordinario para aprobar exclusivamente unha declaración que nada lle supón ao equipo de goberno, que evidentemente non tivo problema ningún en sumarse a ela. Antes ben e ao contrario, supón sumar ao Partido Popular á decisión de eludir o trámite de alegacións da veciñanza.
En calquera caso, o BNG aproveitou o Pleno para deixar clara a súa postura ao respecto. “Non imos apoiar ningún plan que dea por cumprido o trámite de exposición pública cun período de información realizado hai 11 anos. Con cambios máis que notables no documento” en palabras do portavoz municipal, Xavier Rodríguez.
Neste sentido alertou das numerosas persoas que nos últimos meses estiveron formulando reclamacións e escritos sen garantía procedimental algunha de que se atendan, ao non existir un trámite formal de alegacións.
“Para o BNG non é unha prioridade aprobar o PXOM o antes posíbel, a nosa prioridade é aprobar o PXOM da mellor maneira posíbel, e iso pasa por establecer un período de información pública de un mes” concluíu o voceiro nacionalista.