O BNG denuncia o continuado desleixo de PP e PSOE coa Mancomunidade do Val Miñor

IMG-20240703-WA0008
Os voceiros do BNG do Val MIñor con Carmela González
O deixamento nas funcións das sucesivas presidencias impide a resolución dos problemas nos servizos e o pleno trimestral de xuño aínda non foi convocado
O BNG denuncia o continuado desleixo de PP e PSOE coa Mancomunidade do Val Miñor

O BNG dos tres concellos miñoráns denuncia ‘o continuado desleixo’ de PP e PSOE coa Mancomunidade do Val Miñor. Os portavoces nacionalistas de Baiona, Gondomar e Nigrán sinalan que o deixamento nas funcións das presidencias dos últimos anos está a deteriorar os servizos mancomunados. “Os sucesivos presidentes, tanto Juan González, alcalde de Nigrán, como Carlos Gómez ou Sito Almuíña, de Baiona, ou Paco Ferreira, de Gondomar, rotan de xeito rutineiro no cargo sen ningunha intención de lle dar impulso”, afirman.

Iago Pereira, representante do BNG de Baiona na Mancomunidade, sinala que “o manifesto desinterese polas diferentes presidencias de PSOE e PP impide resolver os problemas dos servizos mancomunados como a xestión da piscina mancomunada da Ramallosa ou a falla de persoal no GES”. E engade que tamén é ‘lamentable’ que o actual presidente, Paco Ferreira, aínda non se pronunciara “ante o agravio da Xunta do PP que deixa á Mancomunidade sen os 26.000€ da subvención para o servizo de socorrismo nas praias este verán.”

O portavoz municipal do BNG en Nigrán, Xavier Rodríguez, lembra que ‘esta grave e continuada inacción’ por parte do PP e do PSOE xa derivou no seu día nunha multa de 25.000€ á Mancomunidade do Val Miñor. Unha multa, imposta pola Inspección de Traballo e que vén de ser ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, debido á ‘conduta pasiva’ do goberno da Mancomunidade ante a grave situación de acoso por razón de sexo a unha traballadora do GES, “cun expediente que segue pendente de solución desde hai máis de 3 anos”, lamenta.

Pola súa parte, a representante do BNG de Gondomar, Manuela Rodríguez, denuncia que o pleno trimestral da Mancomunidade, que correspondía celebrar o pasado día 12 de xuño, non foi convocado. “Ao igual que pasa cos plenos do noso concello, máis unha vez Paco Ferreira, presidente de quenda na Mancomunidade, desatende as súas funcións”. A nacionalista indic que para o BNG ‘é irresponsable’ o adiamento, polo que “esiximos a inmediata convocatoria da sesión plenaria para poder abordar todas estas problemáticas”.

O BNG denuncia o continuado desleixo de PP e PSOE coa Mancomunidade do Val Miñor