O Concello de Nigrán crea o Consello Municipal da Muller

Case un ano despois de que a iniciativa do BNG fose aprobada, o pleno acorda por unanimidade as normas reguladoras do órgano de participación

 Acéptanse as propostas nacionalistas de que a delegación efectiva da presidencia do consello, que ostenta o alcalde, teña que ser necesariamente na concelleira que teña as competencias en materia de igualdade; así como a creación dunha vicepresidencia 

O novo órgano constitúese como elemento de participación de carácter informativo, consultivo e de formulación de propostas, coa finalidade de promover e canalizar a participación das entidades que traballan na procura da igualdade

 

O Concello de Nigrán crea o Consello Municipal da Muller

Co gallo do 25N do ano pasado, na sesión do pleno realizada o día seguinte, 26 de novembro, a corporación de Nigrán aprobou a proposición do BNG para constituír o Consello Municipal da Muller.

Practicamente un ano despois, con moito máis atraso do desexábel, o mesmo pleno acaba de aprobar, tamén unanimemente, o regulamento do citado consello.

A norma, redactada polos servizos técnicos municipais, incorpora dúas achegas que o BNG consideraba importantes.

A primeira é que a presidencia do ente, que por defecto corresponde a Alcaldía, tan só se poida delegar na titular da concellería con competencias en materia de igualdade, a diferencia da proposta inicial que contemplaba a posibilidade de delegala en calquera concelleiro.

A segunda, e non menos importante, é a creación dunha vicepresidencia do organismo que será para o movemento asociativo, ao ter que ser ocupada por unha persoa que non teña a condición de membro da corporación.

 Con estas melloras dende o BNG esperamos a inmediata publicación do regulamento para poder constituír o Consello o antes posíbel, dando cabida nel tanto aos representantes dos grupos políticos como as asociacións de mulleres, AMPAs e outras entidades que o propio pleno do Consello Municipal considere de interese.

As propostas do tecido asociativo mellorarán sen dúbida as  políticas de igualdade do concello, ao mesmo tempo que a coordinación nas diferentes actuacións a realizar.

No BNG felicitámonos de que, pese ao tempo transcorrido, a iniciativa cristalice.

O Concello de Nigrán crea o Consello Municipal da Muller