Espazos municipais, de quen son?

Xavier Rodríguez Fernández. Portavoz Municipal e Responsable Local do BNG de Nigrán.
Xavier Rodríguez Fernández. Portavoz Municipal e Responsable Local do BNG de Nigrán.
Artigo de opinión do noso voceiro Xavier Rodríguex no xornal A Nova Peneira
Espazos municipais, de quen son?

Nos últimos meses dous tipos de propostas distintas sobre espazos culturais municipais apareceron na actualidade política de Nigrán. A primeira é a decisión do goberno municipal de adquirir os antiguos cines do Centro Comercial de A Ramallosa, xunto con outra serie de locais baleiros situados nel, para destinalos a actividades culturais ou para a mocidade. A segunda é a proposta do Partido Popular de que o concello consiga a cesión de inmobles da Igrexa para rehabilitalos como centros cívicos parroquiais.
De entrada parece difícil opoñerse a tan loables e non sei se desinteresadas iniciativas. Todo o que sexa conseguir espazos para a veciñanza e a vida comunitaria campa moito. Non obstante, por quen ten a facultade de xestionar ou controlar os cuartos públicos requírese unha análise máis demorada e responsábel.

Os antiguos cines de A Ramallosa e o resto de locais que se pretenden adquirir están nun centro comercial pechado que, ao igual que case todos os centros comerciais, vai morrendo co paso dos anos, xa que uns van substituíndo a outros e onde nace un novo morre o anterior. Dende este punto de vista a súa compra polo concello pode ter un efecto positivo sobre o conxunto da actividade comercial e de ocio da zona. Incluso a partida económica destinada para a compra, 160.000 euros, podería estar en prezo de mercado, aínda que tamén cabería preguntarse se nas circunstancias actuais estes locais ten algún mercado. Por outra banda son innegábeis as deficiencias en equipamentos culturais do concello. O que ven sendo o auditorio municipal non é tal, xa que se trata máis ben dun salón de actos. Neste sentido semella acaída a proposta. Pero calquera análise rigorosa require a consideración de outros factores engadidos. O primeiro é un estudo serio da reforma precisa e o seu custe, que necesariamente haberá de engadirse ao prezo de adquisición, e o segundo é a avaliación dos importes que o concello deberá soportar polo seu mantemento, non xa só o ordinario equiparábel a calquera outra instalación municipal, senón a maiores o relativo aos gastos de comunidade e mantemento que por estar dentro dun espazo privado o concello pasa a ter que asumir.
Con todo, podería ser que a necesidade de dotármonos dun espazo axeitado faga que esta alternativa sexa mellor a outras posíbeis, pero nunca sen analizar e clarificar todos os aspectos asociados.

A outra proposta empezou co Convento de Vilariño, sobre o que o PP reclamou ao goberno municipal que conseguise a súa cesión para destinalo á veciñanza, cuestión á que o alcalde respostou expresando que xa levaban máis dun ano falando co bispado e que estaban próximos a conseguir que a Igrexa lles cedera a parte central do mesmo por un período estimado de dez anos a cambio do seu acondicionamento. A ninguén debería escapárselle que necesariamente terá que haber unha proporcionalidade axeitada entre as obrigas que asume o concello e o tempo de cesión. Se habilitar o espazo supón unha reforma importante, dez anos poden resultar ridículos fronte a inversión realizada. Pero xa subidos á voráxine recuperadora, agora os populares reclaman o mesmo para a abandonada rectoral de Chandebrito. Neste caso trátase dun edificio singular que incomprensiblemente se lle permite ao seu propietario, a diócese de Tui-Vigo, que o teña nun estado lamentábel. Para suplir o que deberían facer eles se propón que o concello llelo rehabilite e, pasados uns aniños, poidan gozar da plena disposición dun patrimonio recuperado e impoñendo as súas condicións.

Penso que todas estas consideracións fan pertinente a pregunta: entón, os espazos socioculturias, de quen son?

Espazos municipais, de quen son?