Un plan xeral para Nigrán

Xavier Rodríguez Fernández, candidato do BNG de Nigrán á alcaldía
Xavier Rodríguez Fernández
Artigo de opinión publicado no xornal A Nova Peneira, do voceiro do BNG no Concello de Nigrán
Un plan xeral para Nigrán

Fai xa máis de dez anos, en xullo de 2013, aprobouse inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal de Nigrán cos votos en solitario do Partido Popular. A oposición ao completo, conformada naquela altura por UCN, BNG e PSOE, votou en contra dese documento.

Juan González, portavoz do partido socialista, nese momento na oposición, centrou o debate na falta de transparencia e información na súa tramitación. Nesa crítica á falta de transparencia coincidiu co BNG, que tamén chamou a atención pola urxencia na aprobación do documento, conseguindo que se ampliase a tres meses o período para facer alegacións.

Tras as eleccións de 2015, coa derrota do PP e a conformación dun goberno en minoría do PSOE, proseguiuse coa tramitación, convocando nun primeiro momento ao Consello Sectorial de Urbanismo, órgano de participación pública que estivera desaparecido no mandato anterior.

Este inicial intento de continuar cunha tramitación transparente e participativa pronto caeu no esquecemento, desaparecendo completamente no mandato seguinte coa maioría absoluta do Partido Socialista. Semella que Juan González comprendeu que para sacar adiante o plan xeral era mellor levalo con discreción que facelo publicamente e así veu sendo nestes anos, no que estivo negociando coa Xunta de Galicia as obxeccións que esta puña ao documento, sempre de costas á veciñanza e sen volver convocar o Consello Sectorial de Urbanismo.

Non considero que esta sexa a única forma posíbel de levar a bo termo a planificación urbanística e moito menos a máis desexábel, salvo que o que se pretenda sexa precisamente manter oculto o máximo tempo o documento.

Un urbanismo ao servizo do interese xeral, que preserve o medio e que garanta a creación de vivenda protexida, non debería temer á transparencia. É precisamente a defensa doutros intereses, como a especulación urbanística ou o desenvolvemento de novas urbanizacións, o que dificulta a aprobación destes documentos de planificación. Estes responden ao desexo duns poucos, en gran medida foráneos, e que non son a maioría que habita o territorio a ordenar.

Certo é que un plan xeral é un instrumento complexo, non só tecnicamente, senón tamén social e politicamente, porque ten que xestionar as expectativas xeradas, en moitos casos sen demasiada base, e a realidade demográfica e territorial, que na maioría das ocasións non van parellas. Isto, seguramente, é produto dunha tradicional concepción especulativa dos PXOM, en lugar de ser visto como unha norma de ordenación e protección.

En calquera caso, volvendo ao documento urbanístico de Nigrán, agora o alcalde anunciou a súa aprobación antes de final de ano, despois de estalo negociando en silencio durante todo este tempo coa consellería. Iso si, para superar a ocultación á que foi sometido, publicáronse na páxina do concello os planos e as normas urbanísticas, pero non documentos imprescindibles como a propia memoria xustificativa ou o informe ambiental. Ao mesmo tempo anúnciase unha xira de presentación polas parroquias para setembro.

Despois de máis de dez anos dende que se aprobase inicialmente e sofrendo modificacións substanciais froito das correccións incorporadas, non se pode pretender despachar a norma básica de ordenación de Nigrán cunha publicación parcial do plan e un paseo polos centros culturais do municipio. É imprescindible unha nova fase de exposición pública na que toda a veciñanza teña a oportunidade non xa de consultar o PXOM, senón de facer as alegacións que estime oportunas.

E se a ocultación á cidadanía en xeral é evidente, que dicir á oposición municipal, que ten a responsabilidade xunto co goberno de votar o documento. Resulta indignante que non fose convocada a ningunha reunión explicativa nin se lle remitise documentación ningunha. Como diciamos no 2013: Este PXOM, así non.

Un plan xeral para Nigrán