O BNG denuncia a destrución dun dos principais exemplos da arqueoloxía industrial de Nigrán
As obras de construción de dúas vivendas afectaron directamente ao xacemento etnoarqueolóxico da antiga telleira de Nigrán, situada fronte ao cámping, e a desaparición de dous fornos
Na rúa Canido, fronte ao cámping de Nigrán, atópase o xacemento etnoaqueolóxico da Telleira que é un ben cultural catalogado que, a pesar disto, viuse directamente afectado polas obras de construción de dúas vivendas que provocaron a destrución de dous fornos e o deterioro do xacemento.
Por esta razón o BNG, a través da súa deputada Carmela González, interpelou no Parlamento galego á directora xeral de patrimonio cultural da Xunta respecto das actuacións sobre a Telleira de Nigrán e a súa falta da debida protección.
Neste sentido a deputada chamou a atención sobre o feito de que a elaboración dos informes fose “externalizada” a cargo do persoal técnico dunha empresa privada, concretamente de Tragsatec, “unha práctica declarada ilegal polo Tribunal Superior de Galicia” sinalou.
Ademais indicou que arredor da destrución desta telleira xorden moitas dúbidas, opacidade e falta de transparencia.
Pola súa banda, o portavoz municipal de Nigrán, Xavier Rodríguez, anunciou que tras acceder á corporación solicitará o acceso aos expedientes municipais de concesión das correspondentes licenzas de obras, para coñecer baixo que circunstancias e condicionantes se outorgaron tales licenzas. “Non se trata necesariamente de impedir as obras, trátase de que, se estas for compatíbeis, se desenvolvan respectando e mesmo integrando os vestixios” apuntou.
Hai que lembrar que este xacemento da Telleira é o único desas características en Nigrán e un exemplo da arquitectura industrial tradicional que merece ser conservada.