O BNG propón para a Mancomunidade ampliar competencias, participación veciñal e dous anos de presidencia
O Bloque Nacionalista Galego ven de presentar 20 emendas á modificación dos Estatutos da Mancomunidade de Concellos do Val de Miñor proposta polos órganos de goberno da entidade supra-municipal que actualmente preside o alcalde de Nigrán, Juan González
Manuela Rodríguez, concelleira en Gondomar e representante do BNG na Mancomunidade, di que “No que se refire á organización, a modificación dos Estatutos que presentan os alcaldes do Val de Miñor son a eliminación da Comisión de Goberno e da Comisión Informativa do Pleno. Xa que logo, unha vez máis reflíctese o desinterese do PP e do PSOE na Mancomunidade. O BNG considera que a comisión de goberno debe manterse porque a Mancomunidade, como entidade que conxuga intereses dos tres concellos, debe ter un órgano de goberno colexiado que inclúa representantes dos tres concellos para a toma de decisións executivas que non correspondan á Xunta xeral da Mancomunidade. Con respecto á comisión informativa, creemos que debe existir a posibilidade de creala. Tamén propoñemos establecer o tempo de presidencia en dous anos por considerar que daría maior continuidade e estabilidade política e administrativa ao labor de goberno da mancomunidade e que permitiría realizar unha planificación a medio prazo”.
Por outra banda, Iago Pereira, concelleiro en Baiona e representante da organización nacionalistas na Mancomunidade, apunta que “o BNG sempre apostamos polo fortalecemento da Mancomunidade non por baleirala de contido como veñen facendo os sucesivos alcaldes. Por iso entendemos que débese incluír a participación veciñal na política mancomunada coa creación do Consello de participación veciñal do Val de Miñor para fomentar a participación e involucrar ao conxunto da veciñanza nas políticas públicas. Do mesmo xeito, debemos dotar de posibilidade de ter competencia na recollida e atención de animais extraviados e abandonados, na promoción da lingua propia e de medios de comunicación audiovisuais e manter como fins da Mancomunidade a protección do medio ambiente e o abastecemento de auga e saneamento que agora PP e PSOE pretenden eliminar”.
Por último, Xavier Rodríguez, concelleiro en Nigrán indica que “na procura dunha maior pluralidade e de dar representación a todos os grupos municipais na Xunta da Mancomunidade, as e os representantes de cada concello deben ser electos por cada organización e non pola maioría plenaria do concello como pasa actualmente no concello de Nigrán no que o alcalde Juan González non aposta pola pluralidade senón polo seu propio interese. Por outra banda, o BNG tamén emenda os Estatutos na súa totalidade para que se use a linguaxe inclusiva xa que utilizan unha linguaxe sexista”.