O alcalde de Nigrán rexeita cesar ao concelleiro de vías e obras pero tampouco desacredita a súa actuación na contratación do servizo de recollida de residuos

IMG_20251210_121108
Parte da militancia do BNG de Nigrán presente no pleno extraordinario.

 

Ao igual que ocorreu no 2004, vólvese licitar un servizo cuns pregos encargados a dedo que proxectan un gasto un 50% maior que o prezo actual

 

Despois da exclusión da oferta inicialmente mellor valorada, queda acreditado o intento de favorecer a unha empresa cuxa proposta incumpría o prego de contratación

O alcalde de Nigrán rexeita cesar ao concelleiro de vías e obras pero tampouco desacredita a súa actuación na contratación do servizo de recollida de residuos

Nun tenso Pleno con numeroso público, o alcalde de Nigrán evitou desacreditar ao concelleiro de vías e obras, pero sen asumir tampouco persoalmente as decisións tomadas como máximo responsábel do procedemento de licitación do novo contrato de recollida de residuos.

O Partido Popular, solicitante do Pleno extraordinario ao ser o único da oposición con capacidade aritmética para facelo, presentou unha proposta na que esixía a dimisión do concelleiro de vías e obras, emendada polo BNG no sentido de esixir ao alcalde que cesara ao concelleiro se este actuou á marxe do seu criterio.

En caso contrario, pediamos que asumira persoalmente a responsabilidade máxima de toda a actuación na tramitación da licitación.

A proposta final, coa inclusión da emenda, foi apoiada polo conxunto da oposición e rexeitada cos votos do goberno municipal.

No Pleno o BNG fixo fincapé en que a exclusión da oferta que incumpre o prego de contratación non borra o intento de favorecela e, sobre todo, non soluciona o problema que permanece independentemente de quen sexa o adxudicatario, que é o custe innecesariamente inflado do novo contrato que acabará provocando que a veciñanza de Nigrán pague máis do necesario polo servizo. “É o negocio privado á conta dos nosos petos” indicou o portavoz municipal, Xavier Rodríguez.

Neste sentido alertou de que por se non fora suficiente a suba das taxas provocada polo ineficiente modelo de SOGAMA, en Nigrán aínda se aumentará máis do necesario debido ao incremento artificial do custe do servizo.

Estas irregularidades non fan senón dar a razón ao BNG cando pediu que cando menos se valorase a posibilidade de xestión directa do servizo, petición que foi desbotada sen nin sequera estudala como alternativa. Sen predeterminar o resultado, solicitabamos que se analizasen seriamente as diferentes opcións para a súa xestión, pero esa solicitude caeu en saco roto.

Dende a formación nacionalista seguiremos opoñéndonos a unha licitación prexudicial para os intereses da veciñanza de Nigrán.

O alcalde de Nigrán rexeita cesar ao concelleiro de vías e obras pero tampouco desacredita a súa actuación na contratación do servizo de recollida de residuos