O BNG anuncia unha ofensiva institucional contra a situación de absoluta precariedade do servizo do GES do Val Miñor

IMG-20250510-WA0022
Vocieros do BNG dos Concellos do Val Miñor xunto a Carmela González, Deputada do BNG no Parlamentos galego e unha traballadora do GES do Val Miñor.

 

A organización nacionalista avanza iniciativas nos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, na Mancomunidade do Val Miñor, na Deputación de Pontevedra e no Parlamento galego para demandar a dignificación do servizo, tanto no laboral como no que respecta ás dependencias da sede do servizo de emerxencias

O BNG anuncia unha ofensiva institucional contra a situación de absoluta precariedade do servizo do GES do Val Miñor

Val Miñor, 10 de maio de 2025.- O BNG anuncia unha ofensiva institucional contra a situación de absoluta precariedade en que se atopa o servizo prestado polo grupo de emerxencias supramunicipal (GES).

A fronte nacionalista avanza a presentación de mocións nos plenos dos tres concellos do Val Miñor, da Mancomunidade e da Deputación e iniciativas no Parlamento galego para demandar a dignificación tanto a nivel laboral como no que respecta ao estado de deterioro das dependencias onde radica a sede do servizo.

A presentación das distintas iniciativas foi realizada esta mañá diante das dependencias do GES pola deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González e os portavoces municipais nos tres concellos do Val Miñor, Xavier Rodríguez (Nigrán), Iago Pereira (Baiona) e Manuela Rodríguez (Gondomar), os dous últimos representantes do BNG na Mancomunidade, e Rodríguez tamén na súa calidade de deputada provincial.

Situación laboral precaria

O GES é un servizo con só 12 traballadores/as que fan quendas de 2 efectivos, “número insuficiente” para facer fronte ás posíbeis emerxencias da poboación habitual do Val Miñor, de arredor dos 45.000 habitantes, que se ve triplicada en época estival e que obriga a recorrer ás horas extra. “Mais en casos de baixas, permisos ou vacacións, as quendas chegan a ser dunha soa persoa ou, no peor dos casos, o servizo pecha por falta de persoal, como xa ten pasado moitas veces”, explican.

A esta situación hai que lle engadir as derivadas da non solución do caso de acoso sufrido no seo do GES, agora xudicializado, sumada á paralización do proceso de estabilización do postos de traballo. “Ambos os dous asuntos dilatados no tempo – varios anos– pola inacción reiterada da Xunta de Goberno da Mancomunidade, formada polos alcaldes dos tres concellos do Val”, lamentan no BNG.

A sede do GES, o espazo da vergoña

Pero a problemática laboral non é a única. Así o BNG denuncia que “a absoluta precariedade en que vive o servizo de emerxencias” afecta tamén ás súas dependencias, tanto no que respecta á localización como ao estado en que se atopan.

Relatan que actual sede do GES atópase en “situación de total abandono”. Nun edificio compartido outros servizos do Concello de Nigrán, “cunhas instalacións cheas de humidades, paredes desconchadas, barandas desprendidas, teitos con pingueiras, unha escaleira perigosa, sen espazo para o adestramento físico en interior”, en definitiva, “é o espazo da vergoña, insalubre e incompatible cunhas condicións laborais minimamente dignas”. Sinalan desde o Bloque que “nin a Xunta do PP, nin os sucesivos presidentes da Mancomunidade”, os socialistas de Nigrán e Gondomar, e o popular de Baiona, “fan nada por arranxar a situación, nótase que eles non teñen que traballar aquí”.

Por outro lado, os nacionalistas volven denunciar tamén a “desaxeitada localización da propia sede do GES”. Situada nunha rúa sen saída e detrás dun instituto de educación secundaria que concentra en determinadas horas innumerables vehículos e persoas, o “que pode dificultar enormemente as saídas de emerxencias”, lembran.

Diante desta situación, as e os representantes do BNG consideran que se fai “imprescindible construír unha nova sede ou trasladar o Grupo de Emerxencias a unhas novas dependencias”. Cómpre dotalo dunha “nova localización que evite ter os vehículos á intemperie, que estea situada nun lugar axeitado, que facilite a comunicación con todo o Val, deseñada funcionalmente para o seu cometido e específica para o servizo”.

Para as nacionalistas é “condición necesaria conseguir esas novas dependencias que garantan prestar un mellor servizo, con maior seguridade e efectividade”. E entenden que esa consecución “só poderá vir da man dun convenio” no que a Mancomunidade debe sumar as outras administracións competentes, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galiza, “de aí esta ofensiva simultánea nas distintas institucións”.

O BNG anuncia unha ofensiva institucional contra a situación de absoluta precariedade do servizo do GES do Val Miñor