XUNTANZA A PROL DUNHA UNIDADE DE ACCIÓN DE CARA ÁS VINDEIRAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS
No pasado mes de febreiro o BNG de Nigrán foi convidado a participar nun
encontro con outras forzas políticas de Nigrán, para tratar de explorar as
posibilidades de chegar a unha unidade de acción coa vista posta nas próximas
eleccións locais.
Así foi como chegamos a unha primeira xuntanza cos partidos políticos Anova,
Manifesto Miñor e Podemos, as organizacións políticas BNG e EU, e máis as
persoas que tomaran a iniciativa de promover este encontro.
Por parte dos promotores exprésase nesa reunión, e a acta resumo da mesma
nos remitimos para calquera contraste, que, aínda que o Val Miñor ten
problemáticas comúns, cada concello é diferente, ten a súa historia, distintas
cuestións a resolver, etcétera e pensa que aproveitando a boa relación
persoal entre os presentes independentemente da súa ideoloxía o partido
poderíase acadar unha unidade de acción para o concello de Nigrán.
A maior afondamento propón unha posible coalición de organizacións políticas,
aberta tamén a independentes.
Tratábase en definitiva, unha vez constatado o fracaso do intento de realizalo a
nivel do Val Miñor por mor de diferentes causas entre as que non son menores
as razóns éticas, de descender un chanzo no nivel territorial de discusión
para buscar así tamén a eliminación de trabas e problemáticas irresolubles
procedentes doutros concellos.
Sen embargo, estas intencións iniciais, que aínda sen ningunha garantía de
éxito, si supuñan un loable achegamento entre as distintas organizacións
políticas, viuse prontamente cuestionado por Manifesto Miñor, que non tardou
en desautorizar aos seus membros de Nigrán presentes na primeira xuntanza,
obxectando esa breve acta-resumo inicial e anunciando que ás seguintes
reunións asistirían representantes validados pola súa organización.
Manifestan que é importante nivelar a portavocía e para iso deciden que as
seguintes reunións acuda unha representación a nivel da súa estrutura do Val
Miñor, exercida a traverso do seu Grupo de Traballo de Coordinación do que
ven un membro de Nigrán, un de Baiona e un de Gondomar.
A maiores expresan o seu rexeitamento á posibilidade contemplada
inicialmente dunha confluencia de organizacións políticas.
Pois ben, chegados a este punto, o BNG de Nigrán ten que manifestar que non
pode seguir participando nunhas xuntanzas que desvirtuaron completamente
os seus plantexamentos iniciais, tanto nos seus obxectivos coma no ámbito
territorial de discusión, tendo que expor con claridade que como BNG de
Nigrán non somos competentes nin queremos selo para manter diálogos con
estruturas supramunicipais.
Debe quedar claro a nosa disposición a manter canto encontro sexa necesario
coas organizacións políticas de Nigrán, tal e como se plantexou nun principio,
e especialmente para tratar os problemas concretos de Nigrán, superando
a premura e cortedade de xuntarnos só para tratar de confeccionar unha
candidatura.
Estamos ao voso dispor.
Recibide unha fraternal aperta.
Bloque Nacionalista Galego de Nigrán