A protesta das familias do IES Val Miñor chega ao Parlamento Galego
Tras o apoio amosado na concentración convocada pola ANPA coa presencia do portavoz municipal, Xavier Rodríguez, o BNG rexistra varias iniciativas no Parlamento Galego
A deputada nacionalista, Carmela González, despois de reunirse con representantes da asociación de nais e pais do centro, presenta unha proposición non de lei (PNL) instando a que o goberno galego cubra con urxencia a praza de matemáticas
Rexistra ademais diversas preguntas con relación ao accidentado inicio de curso do IES Val Miñor
Despois da mobilización realizada pola comunidade educativa do IES Val Miñor o pasado 3 de outubro, que contou co total apoio do BNG, materializado coa presenza do seu portavoz municipal, Xavier Rodríguez; a deputada da formación no Parlamento Galego, Carmela González, reuniuse con representantes da ANPA do centro para analizar o caótico inicio do curso no instituto e recabar a información precisa para presentar varias iniciativas parlamentares ao respecto.
Neste sentido rexistrou unha PNL coa que pretende que o Parlamento inste á Xunta a que cubra con urxencia ao profesor de matemáticas que presta servizo na Consellería de Educación, xa que a súa ausencia supón un grave prexuízo para a atención á diversidade do alumnado, para a calidade da oferta educativa do centro, para o profesorado e, tamén, unha falta de respecto para o traballo realizado polo equipo directivo.
Ademais interpelará ao goberno galego sobre as medidas de apoio ao alumnado con necesidades educativas das que ten que prescindir o centro e que estaban implantadas en anteriores cursos, así como a reducción das horas de atención á biblioteca ou o risco de desaparición do clube de lectura que tan ben funcionaba.
Tamén sobre a perda de horas de docencia no inicio do curso por non estar todas as prazas docentes cubertas.
O BNG secunda as mobilizacións da comunidade educativa do instituto e manifesta o seu apoio ao equipo directivo do centro e á Asociación de Nais e Pais de Alumnos, poñendose ao seu dispor para o que precisen.