Nigrán, nin un paso atrás
Por Xavier Rodríguez, Portavoz Municipal do BNG
As eleccións locais do ano pasado trouxeron un significativo cambio na composición da corporación municipal de Nigrán. Pasouse dunha maioría absoluta do Partido Popular a unha vitoria por maioría simple do Partido Socialista. Esta nova situación provocou, mais por necesidade que por unha verdadeira convicción, unha auténtica revolución no proceso de toma de decisións no Concello.
A primeira aplicación práctica deste novo contexto amosouse na composición das Comisións Informativas. O BNG xa viña tentando dende o período anterior que as Comisións deixaran de ser unha réplica inútil do Pleno pero coa metade dos seus integrantes.
A aprobación da nosa proposta de constituílas exclusivamente cos portavoces municipais, mantendo a representatividade de cada un mediante o voto ponderado, deu lugar a Comisións mais áxiles, con mais debate e sensiblemente mais longas, provocando que os asuntos vaian así aos Plenos mais traballados e discutidos.
As consecuencias deste xeito de operar non son menores. Este ano o Concello de Nigrán aprobou un orzamento apoiado por tres grupos políticos distintos.
Un deses grupos foi o BNG, e foino precisamente porque tras varias xuntanzas de Portavoces e da Comisión de Contas, acadou o grao de consenso suficiente para votalo de xeito favorable. Sen ánimo de establecer un relatorio exhaustivo, si sinalaremos como algúns dos asuntos mais significativos a publicación por primeira vez do borrador dos orzamentos na páxina do Concello; a inclusión no presuposto das cantidades recibidas da Deputación de Pontevedra dentro do Plan Concellos ; o compromiso do Goberno Municipal de adherirse ao Plan de Normativización Lingüística da Deputación de Pontevedra, así como o incremento na partida destinada á celebración do Día das Letras Galegas. Tamén valoramos positivamente destinar o remanente de tesourería ás obras de abastecemento de auga á parroquia de Parada, pois os seus veciños non podían ser os que pagasen o incumprimento por parte de Augas de Galicia do convenio subscrito no seu día co Concello de Nigrán.
Igualmente, estamos satisfeitos polo compromiso de elaborar e aprobar unha relación de postos de traballo, que era unha demanda do Comité de Persoal, así como a realización de auditorías de control dos servizos públicos.
Non obstante sabemos que o mais difícil está por facer, que non é outra cousa mais que executar o acordado. Pero esa é outra historia á que estaremos atentos.
Artigo tamén disponíbel no número deste mes de A Peneira Xornal.