O BNG oponse á suba nas tarifas da piscina mancomunada
No Pleno da Mancomunidade, celebrado hoxe, propúxose a suba das tarifas da piscina mancomunada da Ramallosa.
Como no exercicio anterior, a suba prantexada é a simple aplicación do IPC, supoñendo un incremento do 1,4%, a engadir ao 1,9% anterior. O BNG considera que esta aplicación é absolutamente irregular e contradí o prego de condicións asinado entre a Mancomunidade do Val Miñor e a empresa concesionaria.
Como xa manifestou noutras ocasións o portavoz do BNG na Mancomunidade e concelleiro na Corporación Municipal de Nigrán, Xavier Rodríguez, non corresponde a aplicación automática do IPC, xa que o Prego regulador da concesión sinala con claridade meridiana que para a determinación da cuantía da revisión teranse en conta o incremento dos gastos de persoal e o dos demáis gastos de xestión.
Así, non procede revisión de prezos polo primeiro dos conceptos, tal e como sinala o informe de intervención, xa que o incremento aplicable polos gastos de persoal terá como límite o acordado para o persoal dos Concellos, que neste exercicio e no anterior non se produciu, incluso producíndose un descenso nas retribucións dos empregados públicos.
Xa que logo, deberíase aplicar só a parte proporcional da suba do IPC segundo a estrutura de costes presentada pola concesionaria e non regalarlle, por segundo ano consecutivo, unha suba de tarifas superior á que en realidade correspondería, suba que vai á costa dos usuarios da piscina.
Engadido a esta circunstancia tamén é salientable o feito de que a empresa concesionaria ten practicado unha política de mínima atención aos usuarios que optan polo bono estándar, como teñen denunciado a esta formación diversos usuarios da piscina mancomunada, quizáis orientada a incitar a contratación de servizos suplementarios.
Xavier Rodríguez Fernández e Ana Mª Rodríguez Fernández
Concelleiros do BNG na Mancomunidade do Val Miñor