O Goberno de Nigrán renuncia á instalación dun centro de día no antigo centro de saúde de Panxón
A reclamada cesión do inmoble queda nunha adscrición temporal para aloxar nel a Protección Civil do Val Miñor e un centro social
As obras para o seu acondicionamento, que deberá costear o concello pese a non conseguir a titularidade do local, estímanse en máis de 700.000 euros
No antigo centro de saúde de Panxón xa non se instalará un centro de día. Así queda de manifesto despois de que o Pleno do Concello de Nigrán ratificase, cos únicos votos favorables do PSOE, a adscrición temporal do inmoble para destinalo a aloxar as dependencias da Asociación de Voluntarios de Protección Civil do Val Miñor e de un centro social.
A localización neste espazo dun centro de día era unha vella demanda da Asociación de Veciños de Panxón, compartida e mesmo reclamada dende o BNG, pois a necesidade dunha instalación deste tipo en Nigrán é perentoria e así o plasmamos tamén nas emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia reclamando o incremento de prazas públicas de centro de día no Val Miñor, que conta tan só cun centro público, de titularidade mancomunada, en Sabarís.
Pero ademais pasouse de reclamar a cesión do inmoble a aceptar apenas unha adscrición temporal por 50 anos na que a titularidade do inmoble permanecerá en mans da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, na que volverá a reverter o local unha vez transcorrida. Iso si, ao concello de Nigrán correspóndelle o acondicionamento do local, cifrado en máis de 700.000 euros polos servizos técnicos municipais, nunha instalación que non é súa, ademais da conservación e mantemento do ben.
O máis indignante é que isto ocorre despois de que no seu día o Concello de Nigrán adxudicase o terreo no que se sitúa o antigo centro de saúde ao Instituto Social da Marina para construír unha Policlínica para asistencia sanitaria, transferida despois á Xunta e revertida posteriormente á Tesouraría Xeral da Seguridade Social no ano 2017 tras a construción do novo centro de saúde.
Agora que a Tesouraría xa non pode exercer ningunha das súas actividades alí, pois é un espazo dotacional sociosanitario, adscribe temporalmente o ben ao concello en vez de realizar unha cesión que revertera no municipio a titularidade do ben para destinalo aos fins de utilidade pública necesarios. Isto a pesar de que a propia Lei xeral da seguridade social contempla esta posibilidade que neste caso non se adoptou, sen dúbida produto dunha pésima negociación entre o Concello de Nigrán e o Ministerio de Inclusión e Seguridade Social ao que pertence a Tesouraría Xeral.
En calquera caso o BNG seguirá esixindo prazas públicas de centro de día en Nigrán para facilitar a necesaria conciliación familiar, laboral e social pese a que “este acordo priva á veciñanza de Nigrán dunha infraestrutura imprescindíbel para corrixir a carencia que o concello ten neste ámbito” segundo sinala o seu portavoz municipal, Xavier Rodríguez.