Entrevista ao noso Portavoz Municipal no Xornal Foro A Peneira-Novas do Eixo Atlántico
Entrevista de Roberto Mansilla Blanco
https://www.novasdoeixoatlantico.com/a-oposicion-reclama-un-novo-desenvolvemento-para-nigran/
O Alcalde Juan A. González (PSOE) vén de superar o ecuador do seu mandato. Que balance merece a súa xestión?
O balance ten que ser necesariamente negativo pois non pode disociarse da ampla maioría coa que conta. Precisamente o feito de dispor dunha maioría absoluta, menor que no mandato anterior pero ampla ao fin e ao cabo, permitíalle afrontar confortablemente os grandes asuntos que require Nigrán. Traspasado o ecuador do mandato non conseguiu sacar adiante ningún deles e aínda que tente apuralos no que queda del, non hai un que cristalice sen problemas.
Así, o Plan Xeral segue nun caixón despois de máis dunha década de tramitación e tras enlazar dous mandatos con maioría absoluta. De ter vontade podería ter feito xa unha nova exposición pública tal e como pide o BNG, e non pretender aprobalo cun período de información feito hai máis de 10 anos e con cambios substanciais no documento.
Os grandes contratos de Nigrán levan anos vencidos e prestándose en precario e, por riba, cando saen a licitación fano cheos de irregularidades, como o da recollida de residuos no que se inflou o prezo do contrato. O do abastecemento e saneamento non iniciou sequera a tramitación para unha nova contratación pese a estar prorrogado dende hai moito tempo.
Por outra banda, un dos principais problemas cos que se atopa a veciñanza de Nigrán, como é o acceso á vivenda, non mereceu actuación ningunha deste goberno, pese a ser posto na axenda polo BNG, que leva tempo reclamando medidas neste ámbito.
Mirando ás municipais 2027. Como visualizas o Nigrán do futuro?
Con todo, miramos cara o futuro con optimismo. Cremos que a tendencia que xa se viu nas pasadas eleccións municipais, coa perda dun milleiro de votos e dous concelleiros polo PSOE, vai verse agudizada na convocatoria do 2027, tras estes anos de parálise. Estamos convencidos de que o BNG será decisivo tras os próximos comicios locais e iso será determinante para cambiar a política do concello.
Abordarase con decisión a construción de vivenda protexida en Nigrán e a protección do medio, algo que non constitúe unha prioridade para o goberno actual, así como a rexeneración e transparencia na actuación municipal, coa renovación dos contratos caducos e a limpeza dos procesos.
“Aspiramos a ter un Nigrán con servizos como un centro de día público”
Tamén aspiramos a ter un Nigrán con servizos, como un centro de día público, ao que este alcalde renunciou, ou instalacións deportivas acordes a un concello de 18.000 habitantes, que tamén constitúen unha eterna promesa reiterada ao longo dos dous últimos mandatos e que este goberno tentará apurar, agora, cara as eleccións de 2027.