O BLOQUE PRESENTOU UNHA EMENDA AOS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA 2021 POR UN IMPORTE DE 2.500.000€ PARA BONIFICACIÓNS DE MAIOR CALADO QUE O PP REXEITOU
O BNG RECLAMA A GRATUIDADE E O RESCATE DA AG-57
29 dec. 2021 - 20:33
Carmela González: “Semella unha inocentada de mal gusto por parte do goberno Feixóo anunciar bonificacións para 2021 cando realmente a metade dos tramos van subir 5cts e ningún se reduce.” Val de Miñor, 28 de decembro de 2021.- O BNG realizou onte unha nova acción pola gratuidade da AG-57 e polo seu rescate para xestión pública, no que participaron Carmela González, deputada no Parlamento Galego; Iago Pereira, tenente de alcalde en Baiona; Manuela Rodríguez, portavoz municipal en Gondomar; e Xavier Rodríguez, responsábel local en Nigrán, ademais de varios membros das organizacións locais do BNG no Val de Miñor. Diante do anuncio do goberno galego dunha achega de 550.000€ en forma de bonificacións para evitar o impacto da suba do IPC nas peaxes das autoestradas AG-55 e AG-57, os nacionalistas denuncian que ese mesmo goberno de Feixóo rexeitou a emenda do BNG aos Orzamentos da Xunta para o ano 2022. Unha emenda que propuña destinar 2.500.000€ para bonificacións de maior calado na AG-57 e tamén para a realización do estudo da viabilidade da supresión total das peaxes e do rescate da concesión da autoestrada, para poder tomar desde o goberno galego as decisións sobre a súa xestión. Ao respecto da proposta da Xunta, a deputada Carmela González declarou que “semella unha inocentada de mal gusto por parte do goberno Feixóo anunciar bonificacións para 2021 cando realmente a metade dos tramos van subir 5cts e ningún se reduce. O que se precisa é a supresión das peaxes xa!.” Máis unha vez, a organización nacionalista denunciou a discriminación que, por parte do goberno do PP, sofre o Val de Miñor a respecto doutras comarcas como O Morrazo ou O Salnés, que desfrutan de autovías galegas gratuítas. Se estiver libre de peaxes, a AG-57 serviría de circunvalación os tres concellos, melloraría a mobilidade xeral na comarca e eliminaría o tráfico de paso polos núcleos urbanos. Desconxestionaría as estradas Vigo-Baiona, evitando atascos na Ramallosa, principal nó de conexión dos tres concellos, Nigrán-Vigo, por Parada e Vilaza, e Vigo-Gondomar, ao seu paso por Vincios. Contribuiría a mellorar a calidade de vida nas parroquias e a reducir a sinistralidade e os riscos asociados a este tráfico, que en moitos casos é tráfico pesado. Tamén serviría de conexión directa, rápida e gratuíta co hospital Álvaro Cunqueiro, e con outros centros médicos, de ensino, administrativos e de servizos da área de Vigo; e melloría a competitividade e a conectividade dos parques empresariais da Pasaxe-Vincios (Gondomar) e de Porto do Molle (Nigrán), e destes coa AP-9. “Non podemos consentir que, por ser de pago, usar a AG-57 se converta nun sobre custo nos desprazamentos ou que, para evitalo, simplemente non se use. Desde o BNG apostamos polo rescate da AG-57 para a súa xestión pública e pola supresión das peaxes nesta autoestrada, demandas sociais que contan con amplo respaldo na comarca”, indicaron ás e os representantes municipais do BNG de Baiona, Gondomar e Nigrán.