Todas as emendas presentadas polo BNG aos Orzamentos da Xunta para o 2022 relativas aos concellos do Val de Miñor foron rexeitadas polo goberno do PP
As emendas formuladas, centradas na sanidade e os servizos públicos, no medio ambiente e nas infraestruturas e a mobilidade, supuñan un aumento de 9 millóns nuns orzamentos que non contemplan ningunha partida específica para ningún dos tres concellos
07 xan. 2022 - 15:52
Val Miñor, 4 de xaneiro de 2019.- Todas e cada unha das vinte emendas parciais que o Bloque Nacionalista Galego formulou á proposta de orzamentos da Xunta para o exercicio 2022 relativas aos concellos do Val Miñor, foron rexeitadas polo goberno do PP. As emendas centrábanse no reforzamento e alongamento dos servizos públicos, na sanidade, na reactivación económica, no medio ambiente e na mellora da mobilidade e das infraestruturas viarias. Carmela González, deputada do BNG no Parlamento Galego; Iago Pereira, tenente de alcalde en Baiona; Manuela Rodríguez, portavoz municipal en Gondomar; e Xavier Rodríguez e Juli Castro, responsábeis locais en Nigrán e Baiona, respectivamente, realizaron onte unha valoración dos orzamentos da Xunta para o ano que comeza: “Máis unha vez, as emendas do BNG foron rexeitadas polo rodete da maioría absoluta do PP”, denuncia a deputada Carmela González. “Unhas propostas que suporían un incremento de 9 millóns nuns orzamentos que non contemplan ningunha partida específica para ningún dos tres concellos”, engade. Pola súa banda, as e os representantes do BNG no Val de Miñor denuncian que “o PP de Feixóo, co silencio cómplice do PP de Baiona, Gondomar e Nigrán, deixa os nosos concellos sen uns investimentos que incidirían de xeito significativo na creación de emprego e na calidade de vida da veciñanza”. Servizos públicos No relativo á sanidade pública, destacan a solicitude de reforzo de medios e de cadro de persoal para a atención primaria; a ampliación do horario do servizo de saúde mental no CS Val Miñor, que acumula listas de agarda de máis de seis meses; o rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro para a xestión pública; así como o inicio das actuacións para absorber o centro privado Povisa, ao que está adscrita a poboación do Val, na rede sanitaria pública do Sergas. Desde a fronte nacionalista lembran que a Xunta deriva cada ano 200 millóns de euros para “cebar estas dúas empresas privadas”. En relación aos servizos sociais, ante a escaseza de prazas públicas e para facilitar a necesaria conciliación familiar, laboral e social, o BNG solicitaba a construción dunha residencia de maiores para os tres concellos e centros de día en Baiona e Gondomar, así como ampliación de prazas de escolas infantís públicas. No tocante ao ensino, a emendas ían dirixidas á mellora de infraestruturas e de equipamentos nos centros de ensino, á mellora dos servizos de comedores e a ampliación do dereito de transporte escolar ao estudantado do ensino non obrigado (bacharelato e FP). Medio ambiente, infraestruturas e mobilidade A cuestión ambiental merece unha importante atención para a organización nacionalista. Desta maneira, propuñan un plan de reforestación con especies autóctonas, recuperación de superficies queimadas e desenvolvemento de accións preventivas fronte aos incendios, sempre en colaboración coas Comunidades de Montes en Man Común. Demandaban tamén a realización dun estudo para a recuperación e rexeneración da Foz do Miñor, para a corrección da contaminación e a recuperación do seu banco marisqueiro, ademais dunha emenda para a continuación da rede principal do saneamento no concello de Gondomar. En canto ás infraestruturas e a mobilidade propuñan maiores bonificacións transitorias das peaxes da AG-57 e o estudo para a avaliación do rescate da concesión para a súa xestión pública e a eliminación definitiva das peaxes, así como a inclusión de Gondomar no Transporte Metropolitano da área de Vigo. Tamén presentaron emendas para a urbanización e humanización do viario, como na PO-552 ao seu paso polo núcleo urbano de Sabarís (Baiona) ou pola Ramallosa (Nigrán), e para a mellora da mobilidade peonil, nos tres concellos. Recuperación económica na área de Vigo En materia económica e industrial, diante do contexto de grave crise, a fronte nacionalista reclamou a posta en marcha dun Plan Comarcal de Reindustrialización, dun Centro Metropolitano para o impulso tecnolóxico e un Centro de reparacións do Naval. Emendas encamiñadas a impulsar un novo modelo económico, baseado na ciencia e na innovación, que modernicen os sectores produtivos estratéxicos para crear emprego de calidade e situarnos cunha posición forte no plano económico.