O BNG confía nunha candidatura “entregada e comprometida” coa transformación de Nigrán
A organización nacionalista aposta pola promoción de vivenda pública, un turismo sustentábel e un novo modelo de mobilidade como eixos principais da súa alternativa
Xavier Rodríguez, candidato á Alcaldía: “Con esta candidatura e co apoio crecente cara o noso proxecto, o BNG teremos a forza para levar a cabo as políticas que Nigrán merece”
O Bloque Nacionalista Galego confía nunha candidatura “entregada e comprometida” coa transformación de Nigrán. A organización nacionalista vén de presentar este sábado as mulleres e homes que conforman a súa lista cara as eleccións municipais de maio. Unha candidatura encabezada por Xavier Rodríguez que aposta pola promoción de vivenda pública, por un turismo sustentábel e por un novo modelo de mobilidade como eixos principais da súa alternativa política.
“Con esta candidatura e co apoio crecente que notamos cara o noso proxecto, o BNG teremos a forza necesaria para levar a cabo as políticas que Nigrán merece”, destacou Rodríguez durante o acto de presentación, no que interviñeron tamén a candidata número dous, Cristina Fernández, o número tres, Jorge Vilas, e a deputada nacionalista no Parlamento galego, Carmela González.
O cabeza de lista do Bloque defendeu a urxencia de políticas que poña solución ao problema da vivenda no concello fronte á “inacción” do actual Goberno municipal, que non promoveu ningunha iniciativa a nivel local nin reclamou tampouco medidas da Xunta de Galiza. “O BNG apostamos pola promoción de vivenda pública para reverter as consecuencias de décadas de especulación urbanística no noso concello”, asegurou.
Rodríguez chamou ademais a un cambio de modelo que avance cara un turismo “sustentábel e de calidade” para poñer fin á “masificación” que padece Nigrán, cunha forte presión das vivendas destinadas a usos turísticos e coa degradación dos espazos públicos. “Non queremos ser un referente en macrofestas e botellóns como está promovendo o actual goberno”, afirmou.
Un Nigrán verde
O candidato nacionalista apostou por un Nigrán verde, que poña en valor os seus recursos naturais e respectuoso co seu medio ambiente. Actuando, asegurou, diante contaminación da Foz do Miñor e da desembocadura do río Muíños que, durante os últimos anos, “o único que se fixo foi tentar ocultala”. No mesmo sentido, reiterou o compromiso do BNG na loita contra a depredación eólica que ameaza o litoral.
Rodríguez propuxo tamén un novo plan de mobilidade que “recupere os espazos públicos para a xente, cun concello limpo e coidado”. E defendeu un Nigrán “orgulloso do seu sitio no mundo, da súa cultura e da súa lingua”, promovendo unha actividade cultural “diversa e de calidade”.
Modelo concellos BNG
Pola súa banda, a deputada nacionalista, Carmela González, reivindicou o modelo de concellos BNG como garantía de gobernos “solventes, coas ideas claras e que transforman en positivo” para mellorar a vida das persoas. “Gobernos como o de Tomiño, O Rosal, Allariz, Carballo ou Pontevedra que nunca puxeron límites as súas políticas e construíron con valentía e decisión un modelo propio para a veciñanza”.
González destacou a aposta do Bloque polo comercio local fronte ás grandes superficies comerciais para darlle vida ás rúas e parroquias de Nigrán. “O BNG temos proxecto, temos a mellor equipa e o mellor liderado en Xavier Rodríguez para construír o Nigrán que a veciñanza merece”, remachou.