A FORMACIÓN NACIONALISTA PRESENTARÁ A SÚA CANDIDATURA COMPLETA ESTE VENRES ÁS 20 HORAS NO LOCAL DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS A UNIÓN DE SAN PEDRO EN COMPAÑÍA DE CARME DA SILVA, CANDIDATA AO CONGRESO POLA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

Xabier Méndez e Cristina Fernández acompañarán a Xavier Rodríguez na candidatura do BNG ás eleccións municipais en Nigrán

DSC_2973
Cristina Fernández, Xavier Rodríguez e Xabier Méndez.
Xabier Méndez e Cristina Fernández acompañarán a Xavier Rodríguez na candidatura do BNG ás eleccións municipais en Nigrán

O BNG de Nigrán dará a coñecer a totalidade da súa candidatura este venres no local da  A.V.V. A Unión de San Pedro, en Mallón.

Para acompañar a Xavier Rodríguez, actual portavoz municipal e xa anteriormente proclamado candidato á alcaldía, a formación nacionalista apostou pola experiencia e capacidade de xestión, non en van os seguintes membros da lista tiveron diferentes responsabilidades na Xunta de Galiza. Xabier Méndez como director da Fundación Illa de San Simón, e Cristina Fernández dentro da Dirección Xeral para o Deporte.

 

Destacar tamén a experiencia na administración local do número dous da candidatura, dentro da Área Intermunicipal de Vigo, na que foi director de programas e proxectos, así como o seu traballo técnico e directivo no ámbito de proxectos europeos .

Pola súa banda, Cristina Fernández, que xa encabezou a candidatura nacionalista en 2011, foi árbitra internacional de balonmán e desenvolve a súa actividade profesional como mestra no CEIP Humberto Juanes, do que na actualidade é a súa directora.

 

A continuación deles sitúanse Delfina Meire, mestra xubilada, e Juan Bautista Míguez, propietario dun establecemento comercial en A Ramallosa. Completando os dez primeiros postos dúas traballadoras da sanidade pública, Amaia Pérez-Izaguirre e María Xosé Rodríguez. Gonzalo Santos, autónomo, Fernando Crespo, delegado sindical do sector da automoción, e unha veterana militante nacionalista e do movemento veciñal como Carmen Piñeiro.

Sinalar tamén que a lista a pecha a catedrática e escritora Camiño Noia.

 

Finalmente reflectir que o acto público servirá tamén para presentar a Carme da Silva, Tenente Alcalde de Pontevedra e cabeza de lista da candidatura do BNG ao Congreso nas próximas eleccións xerais, a quen as últimos sondaxes outorgan moitas probabilidades de resultar electa.

Xabier Méndez e Cristina Fernández acompañarán a Xavier Rodríguez na candidatura do BNG ás eleccións municipais en Nigrán