PROPOSTAS PARA UN TRANSPORTE PÚBLICO DE CALIDADE
Por unha nova mobilidade e un transporte público de calidade: MOVERSE PARA QUE NOS POIDAMOS MOVER
A prol dun novo modelo de mobilidade
O BNG de Nigrán defende un tipo de mobilidade máis sostíbel e responsábel, que vertebre o municipio, promova a cohesión social, garanta a seguridade e preserve o uso en condicións dos espazos públicos.
Aínda recoñecendo a actual dependencia dos coches que amplos sectores de poboación temos, motivados en boa medida por un moi deficiente sistema de transporte público, desde o BNG consideramos que a veciñanza, as forzas políticas, as organizacións sociais e económicas, temos a responsabilidade social e ambiental de demandar das administracións competentes uns servizos públicos eficientes e facilitar, a través de medidas diversas, que se poden adoptar no ámbito local, a mobilidade peonil, o uso da bicicleta e a recuperación dos espazos públicos “privatizados” polos coches e por un mal uso, para que lle sexan devoltos ás persoas, en beneficio do que é de todos e todas.
Conseguir un territorio ben conectado e con comunicacións seguras
Nigrán, como municipio, e o Val Miñor no seu conxunto precisan actualmente, máis que nunca, poder contar cun sistema de comunicacións ben estructurado e conectado, que facilite a accesibilidade ao noso territorio e unha óptima comunicación cos concellos veciños e, alén deles, coas redes de transporte principais.
Polo que se refere á mellora da rede viaria, desde o BNG levamos anos actuando para acadar melloras nos servizos, seguridade nas vías, conectividade con outros puntos do territorio e intermodalidade nas formas de transporte.
Así actuamos por exemplo no caso da rotonda de Vilariño, en San Pedro da Ramallosa, que foi levado ao Parlamento Galego polos deputados do BNG para garantir unha solución de tránsito peonil que non existía, e que finalmente se conseguíu. Así levamos tempo demandando a gratuidade da AG 57, que abarataría os custos de transporte dos residentes, facilitaría o uso desta vía rápida e contribuiría a desconxestionar as vías secundarias do Val Miñor. A estas actuacións ven a sumarse á longa campaña levada a cabo polo BNG para conseguir o traspaso das competencias da AP 9 a Galiza, como paso necesario para unha mellor xestión da autoestrada do Atlántico e o control do prezo das peaxes.
Por un transporte público de calidade
Pero o transporte público xoga sen dúbida un papel trascendental na implantación dun novo modelo de mobilidade que favoreza ao noso territorio e mellore a calidade de vida da nosa veciñanza.
Tendo en conta que as competencias en materia de transporte público intermunicipal corresponden á Xunta de Galiza, é preciso que o goberno galego entenda que so cunha visión ampla e a medio prazo da situación, vamos poder desenvolver cambios importantes nos modelos de mobilidade do noso concello e do noso país. So mellorando os servizos e as prestacións faremos que cada vez máis xente use o transporte público e comece a prescindir do coche, utilizando outras formas para moverse, máis sanas, económicas e respectuosas co medio e o interese social. É por isto preciso atender ás necesidades da xente e ser capaces de facer cun deseño de rutas e servizos anovador e atractivo, acorde coas necesidades que impoñen as formas de vida actuais.
Nigrán e o Val Miñor precisamos con urxencia unha mellora dos servizos de transporte. Levamos anos padecendo esta situación e nos últimos anos a veciñanza puido comprobar como mesmo empeoraban os servizos, cunha redución progresiva das frecuencias nas diferentes liñas.
O momento de actuar
É pois unha necesidade actuar, e agora nos encontramos nun momento de cambio que cómpre aproveitar. Ven de ser aprobado pola Xunta a finais de 2018 o Plan de Transporte Público de Galiza, e durante o ano 2019 van ser sometidas a exposición pública as propostas de liñas e servizos de transporte que unha vez aprobadas van estar en vixencia, previsiblemente, durante moitos anos. En Gondomar veciños e veciñas levan xa meses actuando na Asamblea por un transporte digno. É preciso que a veciñanza de Nigrán aproveite tamén o momento para posicionar as demandas sociais existentes.
Desde o BNG instamos ao Concello a tomar cartas no asunto e implicarse plenamente, como solicitou o noso concelleiro Xavier Rodríguez no pleno do pasado febreiro. Pero agora instamos tamén ao movemento veciñal, aos axentes económicos e sociais, ás comunidades educativas do municipio e ao conxunto da cidadanía, a articular unha plataforma veciñal por un transporte público de calidade, que podería artellarse a nivel comarcal, o que daría máis forza e capacidade de presión ás reivindacións da cidadanía do Val Miñor, para conseguir uns servizos máis completos e eficientes.
Que transporte precisa Nigrán ?
O BNG pensa que é necesario estudar as necesidades concretas da veciñanza e dos diferentes colectivos de usuarios para poder definir unha proposta realista e que priorice e determine os servizos futuros a desenvolver, implantando medidas que favorezan o uso ordinario destes medios para poder ir a traballar, asistir con puntualidade aos centros de ensino ou acceder a centros sociais, de servizos ou lugares de intercambio con outras redes de transporte, favorecendo tamén as posibilidades de socialización e ocio da poboación.
A nosa proposta contempla as seguintes reivindicacións:
- Mantemento das liñas intermunicipais básicas que comunican os concellos de Baiona e Gondomar con Vigo a través de Nigrán, mellorando en xeral todo o seu sistema actual de funcionamento, no que respecta ao aumento das faixas horarias de servizos, o incremento das frecuencias en días laborábeis e sobre todo nas fins de seman e a cobertura territorial que determinan os percorridos que hoxe se realizan, coa ampliación das zonas cubertas e a modificación do mapa de paradas.
- Estudo de variantes dos percorridos principais, en base á demanda existente, establecendo frecuencias ou servizos complementarios que permitan conectar centros parroquiais e lugares que se encontran máis alonxados dos principais eixos de comunicación (estrada pola vía PO-325 da costa e a estrada de arriba PO-552).
- Desenvolvemento de medidas que garantan unha mellor interconexión entre os tres concellos miñoranos, coa existencia de servizos directos entre municipios e cun plan efectivo de transbordos na zona central da comarca.
- Establecemento dunha conexión estable e o máis directa posible co campus da Universidade de Vigo, relacionado coa función académica que se desenvolve.
- Conexión das liñas intermunicipais principais coa actual estación de autobuses e coa futura estación intermodal de Vigo, facilitando asi o uso do ferrocarril e do transporte de liña de carácter autonómico, intercomarcal e comarcal, asi como dos servizos de transporte Vigo-aeroporto e das liñas urbanas desta cidade.
- Busca de fórmulas axeitadas que faciliten un servizo público o máis directo posíbel desde o Concello e o Val Miñor ao aeroporto de Vigo e ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
- Demanda de xestións á Xunta de Galiza para a integración do transporte municipal de Vigo no sistema de transporte metropolitano, coa fin de mellorar as condicións e posibilidades de trasbordo e interconexión neste ámbito municipal, de forma que se melloren as posibilidades de acceso aos diferentes barrios de Vigo e de transbordo con outras liñas de transporte intermunicipal.
- Demanda de atención ás coxexións intercomarcais desde o Val Miñor, co reforzo das comunicaciós directas coa comarca do Baixo Miño e a Louriña, como forma de acceso a estas zonas e, máis aló, ao espazo fronteirizo.
- Implantación de medidas que favorezan as posibilidades de uso ordinario destes medios para poder ir traballar, asistir con puntualidade aos centros de ensino ou acceder a centros sociais, de servizos ou lugares de intercambio con outras redes de transporte, favorecendo tamén as posibilidades de socialización e ocio da poboación. Neste senso, condideramos preciso tamén ter en consideración servizos especiais de fin de semana, como os servizos nocturnos Vigo-Val Miñor, servizos de praia durante o período estival ou o reforzo de servizos ordinarios ante determinados eventos ou festas de ampla concorrencia.
- Mellora material das condicións xerais de transporte, coa implantación de medios máis ecolóxicos, confortábeis e accesíbeis, con mellor infraestructura e servizos de apoio (marquesinas, acondicionamento de paradas e zonas de trasbordo, paneis dixitais con información a usuarios, aplicacións de usuario para móbil e outras). Debense mellorar especialmente lugares inseguros e desprotexidos, como por exemplo a parada próxima á rotonda da Ramallosa, onde na actualidade a xente debe agardar os buses baixo a choiva e sobre unha beirarrúa extremamente estreita.
- Aplicación dunha política social no establecemento de tarifas e na atención das necesidades específicas de transporte, atendendo en xeral ás necesidades da xente e, en particular, ás condicións de determinados colectivos (persoas con discapacidades e problemas de mobilidade, persoas desempregadas e xubiladas, mocidade e estudantes, entre outros). Implantación nos servizos de medidas transversais en materia ambiental, social, de iguadade e de normalización lingüística.
- Desenvolvemento dun sistema de concesións e contratación de servizos, que aporte maiores garantías para o cumprimento dos contratos suscritos nas condicións establecidas e que, ao tempo, permita unha certa flexibilidade para adaptar os servizos públicos a aquelas circunstancias e situacións novas imposibles de prever en ocasións, pois teñen que ver con cambios que se producen na demanda e coas novas posibilidades de oferta que se abren.
- Reivindicación de medidas de estabilidade do emprego e de apoio ás empresas galegas, ante os novos procesos de contratación que haxan de celebrarse, favorecendo as posibilidades de competición da empresa galega en condicións xustas, fronte ao poder e pretensión monopolística das grandes empresas do sector. Aplicación de medidas de subrogación de persoal cando sexa necesario, para garantir a estabilidade no traballo, en casos de cambio na titularidade das empresas concesionarias dos servizos que saian a concurso público.
- Estudo, desde o propio Concello de Nigrán, dun sistema complementario de transporte público a nivel municipal, que permita resolver as necesidades de mobilidade de persoas desde lugares menos accesíbeis ou moi mal conectados do municipio, cara outras parroquias, lugares de paso das liñas principais ou cara dotacións centrais. Deberanse analizar diferentes alternativas para resolver estas necesidades (transporte de conexión dos núcleos parroquiais, modelo de transporte a demanda, modo de transporte compartido cos servizos escolares e outros), tratando de atopar solucións concretas ás diferentes situacións que se presentan.
- No caso concreto de Chandebrito sería de interese máximo procurar os acordos necesarios para a súa conexión coa rede de liñas do transporte urbano de Vigo, tendo en conta o seu especial illamento e a proximidade e vinculación territorial e social desta parroquia coa cidade.
Nigrán, marzo 2019