FOI REXEITADA A PROPOSTA DO PARTIDO POPULAR, APOIADA POR NIGRÁN DECIDE E UCN, QUE PRETENDÍA QUE SÓ SE PAGASEN OS GASTOS RELATIVOS A PERSOAL MUNICIPAL

BNG e PSOE aproban un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 164.883,30 euros.

pleno-nigran-xavier-rodriguez
Xavier Rodríguez – Portavoz Municipal do BNG
BNG e PSOE aproban un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 164.883,30 euros.

Nigrán, 28 de setembro de 2018.-  Na sesión plenaria que tivo lugar este pasado xoves, a corporación de Nigrán deu luz verde a un recoñecemento extraxudicial de crédito que permitirá o pago de diversas facturas por un importe global de 164.883,3 euros, ao contar co voto favorable do Partido Socialista e o BNG, así como a abstención do resto das formacións.

 

            O BNG impediu co seu voto que saíse adiante a emenda presentada polos populares para que só se aprobasen os pagos a funcionarios, persoal laboral e cargos políticos, excluíndo do recoñecemento a provedores e entidades sen ánimo de lucro. Esta proposta, ao contar co apoio de Nigrán Decide e UCN, deu como resultado un empate a oito votos, que se resolveu en segunda votación co voto de calidade do alcalde.

 

            Os nacionalistas negámonos rotundamente a que os gastos relativos a persoal municipal tivesen prioridade sobre os demais, sobre todo tendo en conta que a maior parte deses importes responden a defensas xurídicas pola Operación Patos, que suman máis de 33.000 euros dos 45.625 totais referidos a corporativos e persoal do Concello.

 

            Especialmente grave é o feito de que os gastos de defensa dos 7 membros do tribunal investigado nese procedemento, todos eles representados polo avogado Saturnino Jiménez, un profesional ao que se lle encargaban habitualmente defensas xurídicas tanto na Mancomunidade como no Concello de Nigrán cos gobernos do PP, sumou o desmedido importe de 27.104 euros, mentres as de outros 6 funcionarios, exercidas por outro despacho, importaron un global de 6.760 euros.

 

            Pois ben, a proposta popular pretendía asegurar que se abonasen estes importes ao mesmo tempo que se bloqueaban as subvencións ao programa Vacacións en Paz, de acollida a nenos saharauís, por importe de 2.000 euros, ao Instituto de Estudos Miñoráns, por estudos de toponimia, por valor de 3.000 euros, ou a subministradores de material de fontanería para reparación dos danos provocados polos incendios forestais, por un montante de 3.390 euros.

 

            No BNG queremos deixar claro que non avalamos a utilización dun procedemento que debera ser excepcional e para gastos de pequena contía, tal é o recoñecemento extraxudicial, dun xeito ordinario e recorrente, é así llo temos feito saber a este goberno e o anterior. Proba disto é que outro recoñecemento de 71.193 euros non foi aprobado na mesma sesión plenaria, ao non contar co noso apoio por incluír numerosa facturas que corresponden a improcedentes ou irregulares contratacións.

 

Xavier Rodríguez – Portavoz Municipal do BNG 

BNG e PSOE aproban un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 164.883,30 euros.