O BNG esixe na Mancomunidade a contratación de persoal para o GES

29512568_299842303879212_7470097765834345127_n

Reclama tamén que se inicien contactos con Zona Franca para a construción dunha sede axeitada para o Grupo de Emerxencias en Porto do Molle

O BNG esixe na Mancomunidade a contratación de persoal para o GES

O BNG do Val Miñor, a través dun escrito rexistrado polo seu representante na Mancomunidade e tenente alcalde de Baiona, Iago Pereira, solicita que a institución miñorá elabore, con carácter inmediato, unhas bases para a contratación temporal de persoal para o Grupo de Emerxencias Supramunicipal.

Esta contratación debe realizarse mediante convocatoria pública para conformar unha bolsa que permita cubrir as baixas que se producen no servizo, o que ten provocado situacións de auténtica parálise no Grupo, chegando a extremos de estar só un efectivo por quenda nunha actividade tan esencial como as emerxencias.

Por iso resulta fundamental elaborar unha listaxe de aspirantes de maneira áxil, xa sexa por concurso ou por concurso-oposición, toda vez que se trata de contratacións temporais.

Por parte da representación legal dos traballadores da Mancomunidade enviáronse varias veces durante o pasado ano 2021, propostas de bases para a convocatoria da citada bolsa, nun afán de colaborar na resolución da situación, sen que por parte da institución se fixera nada ao respecto.

Por esta razón dende o seo da Mancomunidade o BNG insta a urxente aprobación das correspondentes bases co fin de iniciar o proceso o antes posible.

A maiores desta problemática, chamamos tamén a atención sobre a desaxeitada localización da sede do GES, ao lado dun instituto de educación secundaria que concentra en determinadas horas innumerábeis vehículos e persoas que poden dificultar enormemente as saídas de emerxencias, ao marxe de compartir o edificio con outros servizos do Concello de Nigrán.

Revélase imprescindíbel a construción dunha nova sede do Grupo de Emerxencias, nun lugar axeitado que facilite a comunicación con todo o Val, deseñado funcionalmente para o seu cometido e específico para o servizo.

Neste sentido demandamos da Presidencia da Mancomunidade que se inicien contactos co delegado de Zona Franca para estudar a posibilidade da súa instalación no parque empresarial de Porto do Molle, que a súa vez se vería claramente beneficiado ao contar cun servizo de emerxencias dentro del. As novas dependencias terán que ser o resultado dun convenio no que se ten que sumar as outras administracións competentes, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.

O BNG esixe na Mancomunidade a contratación de persoal para o GES