A licitación do novo contrato de recollida de residuos e limpeza viaria de Nigrán paralizouse polo rexeitamento da Mesa de Contratación á valoración das ofertas realizada por unha consultora externa

undefined
Contenedores de Nigrán

O informe de valoración externo avala como “excelente” unha proposta que incumpre o esixido no prego e que xera un sobrecusto sen contraprestación

 

O Goberno Municipal intentou que se lle dera conformidade ao informe de valoración da consultora externa

 

Os técnicos da Mesa de Contratación sinalan a desproporcionada vantaxe outorgada á UTE Copasa-Geseco-Oresa que convertería o criterio económico en irrelevante

A licitación do novo contrato de recollida de residuos e limpeza viaria de Nigrán paralizouse polo rexeitamento da Mesa de Contratación á valoración das ofertas realizada por unha consultora externa

 

A Mesa de Contratación para a licitación do servizo de recollida de residuos urbanos, limpeza viaria e de praias, formada por técnicos do Concello de Nigrán e da Deputación de Pontevedra, non atopa motivación suficiente que respalde a puntuación outorgada a unha das ofertas por parte do informe de valoración realizado pola consultora externa Into Consulting, que asesora ao órgano de contratación. Menos xustificación aínda ten a distancia tan desproporcionada respecto ás demais ofertas.

A Mesa detectou un tratamento preferente cara a oferta mellor puntuada, na que se multiplican os cualificativos eloxiosos incluso en aspectos nos que outras ofertas presentan idénticas prestacións sen recibir o mesmo recoñecemento.

Neste sentido a Mesa advirte sobre afirmacións no informe de valoración que non se axustan á realidade, como o incremento do número de colectores ofertados, que busca xerar unha aparencia de mellora inexistente, cando en realidade a proposta limítase a reproducir o incremento xa previsto no prego de prescricións técnicas respecto á situación actual; ou a desigual consideración do sistema de peche electrónico dos colectores de materia orgánica, que se valora expresamente como un elemento positivo cando o propón a UTE Geseco-Copasa-Oresa, pero non recibe igual recoñecemento cando é ofertado por outros licitadores. Esta disparidade denota un criterio desigual e arbitrario na valoración das ofertas. Existe un tratamento na valoración inclinado a favor da referida UTE, o cal se aprecia no xeito de describir aos distintos licitadores.

Hai que sinalar que o Prego de Cláusulas Administrativas Particulares foi realizado pola mesma consultora externa que agora valorou as ofertas. Un encargo adxudicado directamente, sen concurso algún, e que tivo como resultado elevar a 33 millóns de euros o orzamentado para o novo contrato, de 10 anos de duración. O maior, con moito, da historia de Nigrán. O máis escandaloso do asunto é que, en numerosas ocasións, os técnicos advertiron do exceso de frecuencias de recollida de residuos e da súa ineficacia, e tales advertencias foron deliberadamente ignoradas. Os informes técnicos sinalaban que as frecuencias incluídas no prego eran desmesuradas, que suporían un custe innecesariamente inflado para as arcas municipais e que serían ineficientes para a prestación do servizo. Agora, nun xiro inesperado, a Mesa detectou que a oferta mellor puntuada podería incumprir o prego, ao propoñer unhas frecuencias de recollida inferiores ás mínimas esixidas. Esta circunstancia, lonxe de ser advertida pola consultora, foi incluso valorada de xeito positivo, cualificándoa de “excelente”.

A licitación do novo contrato de recollida de residuos e limpeza viaria de Nigrán paralizouse polo rexeitamento da Mesa de Contratación á valoración das ofertas realizada por unha consultora externa