O BNG reclama a reapertura inmediata do aparcadoiro da Ramallosa
Denuncia que o concello, tras máis de catro meses desde que o goberno municipal anunciou a súa re-municipalización, aínda non foi quen de aprobar a correspondente ordenanza
O pasado mes de maio o goberno municipal, coa falla de rigor habitual, difundía que no terceiro trimestre do ano asumiría a xestión directa do aparcadoiro soterrado da Ramallosa, tras ser liquidada xudicialmente a empresa concesionaria que o mantivo pechado dende o ano 2017 sen que o concello fixese nada por recuperar a concesión, tal e como reclamábamos dende o BNG xa en abril do 2020.
No anuncio do goberno local incluso establecían un prazo máximo de 2-3 meses para aprobar a ordenanza de uso e prezos públicos e acondicionar o aparcadoiro para a súa reapertura. Superado amplamente ese prazo o estacionamento segue pechado e nin sequera foi levada a pleno a ordenanza reguladora.
O mantemento desta situación provoca notables prexuízos para o comercio e as actividades que se desenvolven no núcleo urbano, pois son 357 prazas inutilizadas cando a recuperación do nivel de mobilidade tras a pandemia fai que as dificultades de estacionamento en determinados momentos actúen como un elemento que retrae o acudir aos centros ou establecementos da zona.
O propio pleno restablecemento dos servizos da piscina mancomunada, situada a carón do aparcadoiro, ven a agravar o problema, ao mesmo tempo que a mesma piscina se ve prexudicada pola falla de aparcamento.
Dende o noso punto de vista a súa apertura, unida a unha correcta xestión das tarifas cunha perspectiva de servizo público, sería unha medida incentivadora da actividade comercial, deportiva e de ocio da Ramallosa, tratando de que os establecementos locais poidan competir nas mesmas condicións que as grandes cadeas que se instalan en Porto do Molle.
Neles debera centrar o seu esforzo o alcalde en vez de, pola contra, adicarse a inaugurar as instalacións das multinacionais no polígono de Zona Franca.
Sinalar, finalmente, que resulta inexplicable o esforzo por habilitar aparcadoiros noutras zonas de Nigrán cos seus correspondentes desembolsos económicos fronte a desidia coa que dende o concello se ten xestionado un estacionamento de titularidade municipal que ten que ser recuperado para a xestión pública.